Debate sen cancelas!

Galiza ten máis de 50 problemas. Ti sábelo ben, porque sofres a diario as consecuencias que as políticas da UE e do PP están a causar nas nosas vidas.

A vindeira semana celebrarase no Parlamento Galego o Debate sobre o Estado da Nación, unha oportunidade que o BNG quere aproveitar para sinalar os problemas que ten o pobo galego, moitos dos cales, sobre todo os vinculados aos nosos sectores produtivos, gardan relación directa coa nosa falta de soberanía, co feito de non podermos decidir por nós mesm@s -e en función dos nosos intereses- sobre todo aquilo que nos afecta.

Galiza ten máis de 50 problemas, mais lamentabelmente o PP e AGE restrinxiron a 50 as propostas de resolución que se van poder presentar e debater nesta ocasión. A pesar diso, no Bloque non nos resignamos e estamos decididos a facer chegar ao Parlamento os problemas reais da nosa sociedade, queremos facer visíbel na sede parlamentar a realidade social e económica de Galiza.

E queremos que ti nos axudes a facelo. Cóntanos os problemas que ti vives, que vive o teu sector, a empresa na que traballas, o teu negocio, ... Entre todas e todos faremos o retrato da Galiza real e daremos o debate que outros queren liquidar pola vía rápida.