Davila solicita as comparecencias de Gallardón e Mato "polo brutal ataque aos dereitos das mulleres"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou esta mañá as comparecencias do Ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, e da Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, para que expliquen “o retrógrado e reaccionario ataque aos dereitos das mulleres” que supón o anteproxecto de Lei Orgánica “para a proteción da vida do concebido e dos dereitos da muller embarazada”.

Para Davila o anteproxecto aprobado o pasado venres no Consello de Ministros “é de tal gravedade no seu retroceso nos dereitos das mulleres, que debe Gallardón someterse ás críticas fundadas de formacións como o BNG e respostar en que fundamente tal regresión, porque pola vía lóxica, racional, sanitaria e democrática non hai razóns que xustifiquen esta vergoñenta lei”.

“Haberá que parir por imposición masculina. Só falta que nos quiten os pasaportes”

A deputada do BNG afirma que “a lei machista e paternalista de Gallardón non hai por onde collela. Anula absolutamente a responsabilidade e a capacidade das mulleres de decidir sobre o seu propio corpo. Serán comités seguramente que presididos por homes os que teñan que decidir se unha muller debe ser nai. Haberá que parir por imposición masculina. Gallardón e o Goberno do PP rematan coa liberdade das mulleres para adoptar decisións sobre os seus embarazos. Só nos falta que nos quiten os pasaportes para

non saír do estado español sen permiso dun home. Volven os tempos franquistas”.

Davila considera “dunha involución sen precedentes que unha lei de prazos á altura dos tempos vaia ser substituida por unha lei de supostos inquisitorial, que incluso ten alarmada a países europeos civilizados e avanzados como Franza”. Asemade critica duramente que a obxeción de conciencia se estenda a calquera profesional que poida intervir directa ou indirectamente nun aborto. “Arrepía pensar a persecución á que se vai someter ás mulleres que vaian interrumpir os seus embarazos baixos miles de informes e seguindo uns supostos moi limitadores. Só falta que nos poñan a letra escarlata no lombo e que nos sinalen pola rúa”.

A deputada do BNG considera asemade que a Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade “ten a obriga de comparecer e explicar a posición do Ministerio ante semellante retroceso nos dereitos das mulleres”. Para Davila “o machismo da lei é palpábel, a anulación das mulleres como suxeitos con dereitos xurídicos e sociais é algo perigoso que nos retrotrae a tempos que coidábamos esquecidos”.