Davila solicita a comparecencia de Guindos polas "presas por vender Novagalicia banco"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou a comparecencia do Ministro de Economía, Luis de Guindos, para que acuda á Cámara a explicar a que se deben “as presas do Goberno por vender a todo correr Novagalicia Banco”.

Davila quer que Guindos informe no Congreso do proceso de venda iniciado polo FROB para a privatización da entidade galega e para que atenda a demanda do BNG de paralizar o proceso de venda, polo menos até o ano 2017.

Ademáis, a portavoz nacionalista lembra que o Congreso ten pendente de debate unha proposición non de lei, presentada en xullo pasado, na que se insta ao Goberno dar marcha atrás na decisión de vender a entidade galega, e pídese a súa conversión en banco público galego.

Unha venda a todo correr

Davila presentou onte unha pregunta dirixida ao Ministro de Economía para saber a que se deben as presas do Goberno. “Por que tanta premura? Por que non sigue o Goberno o exemplo alemán, británico ou belga en relación ás súas entidades nacionalizadas xa que non venderon aínda ningún deses bancos? Por que actúa con tanta presa cando non existen razóns obxectivas para a privatización de NCG?”

Lembra a deputada do BNG que NCG foi rescatada con fondos públicos que se van perder na súa maioría porque o Goberno empeñouse en vendela xa”. “O BNG opónse á privatización do que queda da antiga Caixa galega, non podemos compartir o expolio definitivo do aforro dos galegos e das galegas, sobre todo, porque aínda estamos a tempo de evitar que se consuma a venda”.

Olaia Fernández Davila pide a Guindos que se pare o proceso de venda “cando menos até o 2017.

Pedimos que se abra un proceso de diálogo entre o Goberno central e a Xunta, contando coa participación da propia entidade e das distintas forzas políticas representadas no Parlamento galego”. Quer que o Ministro de Economía procure unha solución para NCG a fin de que continúe a ser galega e “poida canalizar o 40% do aforro galego en dar crédito a empresas e familias”.

Para a parlamentar nacionalista “é fundamental que se manteñan os postos de traballo, que se garanta a devolución íntegra dos cartos estatafados aos preferentistas, garantir a obra social e a permanencia do patrimonio cultural”.

Olaia Fernández Davila pregunta a Guindos que opinión lle merece que se afronte un proceso de subasta que suporá fortes perdas para as arcas públicas.