Davila salienta "a falla de autocrítica do Rei, nun ano de enorme descreto da monarquía"
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, reprochou ao rei Juan Carlos a "total falla de autocrítica no tradicional discurso de Noiteboa, nun ano no que esta institución caeu nun enorme descreto".
Davila aludiu así á deriva do caso Urdangarin ou á polémica viaxe do Rei a Botsuana.
En relación á grave crise económica, a deputada do BNG crticou a "condescendencia do rei coas venenosas políticas de recortes do Goberno de Rajoy. O Rei -criticou Davila - defendeu por un lado o sistema de protección social e de benestar pero coa fórmula da austeridade, e incluso utilizou o binomio austeridade e crecemento cando todo o mundo sabe que é un cóctel imposible".
"As políticas de austeridade non traen medre económico, só sirven para aumentar o paro, provocar máis crise, a caída do consumo interno e unha sociedade camiñando a uns índices de probeza de case a posguerra", afirmou Davila.
A deputada do BNG sinalou que o rei "se moveu nunha calculada ambigüidade tanto no que atinxe á crise cuxos custes están a recaer nos cidadáns, como na cuestión de modelo de Estado e Catalunya. Un discurso que non compromete a nada e que nos leva a preguntarnos no BNG, máis unha vez, cal é a utilidade dunha institución caduca e fortemente cuestionada".
Davila indicou que o único aspeito positivo do discurso foi a necesidade de dignificar a política, instrumento necesario ao servizo da sociedade.