Davila reprocha a Tejerina o abandono do sector lácteo e acúsalle de non ter feito nada

A portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, dirixiuse esta tarde á Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para reprocharlle que non tiveran feito nada para solventar a situación dos baixos prezos do leite en orixe.

“Vostedes non fixeron nada e agora vostede non me acaba de respostar nada”, espetou a deputada do BNG á Ministra. Tejerina na súa resposta a Davila limitouse a sinalar que levaban máis de tres anos adoptando medidas, unhas medidas xa coñecidas e que foron ineficaces para os gandeiros.

Davila contrapuxo as afirmacións da Ministra cos feitos reais. “Os baixos prezos do leite é un problema vello que se está a levar por diante a miles de explotacións gandeiras de Galiza. De 40.000 que había hai pouco máis de quince anos apenas quedan 9.500, e a pesar diso aínda producen o 60% do leito do estado”.

A deputada do BNG alertou a Tejerina de que o 70% dos gandeiros galegos gañan menos do salario mínimo. Salientou que o propio Ministerio fixa os custes de produción en 34 céntimos, os gandeiros galegos perciben menos de 30 céntimos, dous céntimos por debaixo da media estatal e 6 menos que outras CC.AA.

“Mentras tanto, o Goberno nada fixo, e vostede agora non me acaba de contestar nada”, espetou á Ministra.

A Ministra fala de controis pero o leite segue como produto de reclamo nos grandes hipermercados

Lembroulle que o Paquete Lácteo, tanto o primeiro como a reforma última, “non garante unha negociación entre iguais e segue a negar a figura do mediador”. Recriminoulle o empeño do Ministerio en que sexa o mercado o que regule o prezo “mentras continúan permitindo que a distribución use o leite como reclamo comercial vendéndoa por debaixo do seu prezo”. Nese momento, Davila exhibiu unha foto que mostraba a venda do paquete de leite a 0,29 céntimos nunha grande superficie. “Unha imaxe bastante habitual”.

A deputada do BNG díxolle a Tejerina que “de nada sirve que digan que teñen abertas 300 inspecións á distribución se continúan permitindo que se faga dumping co leite”. Demandou á Ministra medidas contundentes para cun sector moi castigado que “ten que sofrer agora as consecuencias da eliminación das cotas”.

RESPOSTA DA MINISTRA

A Ministra falou de medidas como o fracasado Paquete Lácteo de 2012 que resultou ineficaz para parar a baixada de prezos e dar seguridade aos gandeiros, falou de controis para evitar que o leite sexa usado como produto de reclamo pero sigue a suceder como se ve nos hipermercados, ou do Real Decreto aprobado hai un mes e medio que foi moi criticado polo sector lácteo porque continúan estando desprotexidos fronte á industria e as cadeas de distribución. En canto á figura do intermediario Tejerina non concretou nada, unicamente sinalou que “estamos a traballar para introducir a figura do mediador”.

Anunciou que mañá haberá unha Conferencia Sectorial para abordar o Plan Nacional de Controis da Contratación no Sector Lácteo.