Davila pídelle ao Goberno axilidade ante a UE para resolver o expediente do Tax Lease

Intervención da deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila

A portavoz do BNG no Congreso sinala que “tal parsimonia na resolución do anterior Tax Lease está a provocar a desesperación dos estaleiros galegos que ven perder contratos por momentos”

Madrid, 21 Abril 2013. A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha pregunta por escrito ao Goberno debido ao considerábel retraso que se está producindo coa resolución do expediente aberto ao Estado español polo anterior sistema de Tax Lease.

A deputada do BNG alude a unha recente resposta do Executivo ao BNG con data de 26 de febreiro, na que indica que “o Goberno segue a traballar intensamente para conseguir unha decisión favorábel sobre o expediente aberto ao anterior sistema de Tax Lease, que recoñeza a existencia de confianza lexítima e evite polo tanto a devolución de axudas”.

Son moitos traballadores e empresas do sector que dependen do novo Tax Lease

A estas alturas, sinala Davila, aínda descoñecemos cando se vai resolver dito expediente, do que depende que se poida facer efectivo o novo sistema de amortización fiscal. A parlamentar nacionalista lembra que o pasado mes de decembro se obtivo a autorización da Comisión Europea do novo sistema de Tax Lease, máis “debido ao expediente aberto, aínda descoñecemos cando se vai poder facer efectivo o novo Tax Lease.

Unha parsimonia, subliña, que está a provocar a desesperación dos estaleiros que ven perder contratos por momentos.

Davila urxe ao Goberno a solucionar “este obstáculo porque son moitos os postos de traballo e as empresas do sector naval que dependen da entrada en vigor do novo Tax Lease, por iso non entendemos a falla de sensibilidade e de axilidade na resolución dun problema que leva case dous anos coleando”.

Dada a situación de moitas empresas do sector naval que necesitan que o novo sistema de amortización fiscal sexa xa efectivo, é polo que a deputada do BNG formula unha serie de cuestións ao Goberno.

“Cando se poderá facer efectivo o novo sistema de Tax Lease? É consciente o Goberno de que a posta en práctica do novo Tax Lease depende da resolución do expediente sobre o anterior? Sabe que o sector naval está perdendo contratos? Vai o Goberno a dar por fin unha data e tranquilizar ao sector?”.