Davila pide no Pleno que a reforma da Lei Hipotecaria teña carácter retroactivo

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse á Vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, no Pleno para abroncala porque “chegan tarde, mal e arrastro ao grave problema dos desafiuzamentos, cando xa hai vítimas mortais e todo acadou unhas dimensións moi preocupantes”.

A deputada do BNG aproveitou a súa intervención no Pleno de debate das emendas dos Orzamentos Xerais do Estado 2013, en concreto a sección 25 de Presidencia, para criticar o “esperpéntico papel que están a representar PP e PSOE tratando de acadar un protagonismo e vender unha axilidade de reacción na cuestión dos desafiuzamentos, cando todo o mundo, asociacións de afectados, Plataformas anti desafiuzamentos, xuices, organizacións políticas e sociais e sindicais, e incluso a Igrexa católica, levamos tempo clamando no deserto mentras vostés votaban en contra das nosas propostas en Pleno”.

Nese sentido, lembrou a proposición de lei do BNG que pedía a dación en pago e a reforma da lei hipotecaria para afrontar este tema, debatida en Pleno a primeiros do ano pasado pero que “vostés se negaron a ter en conta”. Davila recomendou á Vicepresidenta, a PP e PSOE, “humildade e responsabilidade porque saben que están reaccionando moi tarde, a raíz da movilización social, xudicial e política que xa é imparábel debido a que falamos dun drama humano”.

BNG quere unha reforma da lei con carácter retroactivo

Davila avisou ao Goberno que este tema “adquiriu unha dimensión dramático. A reforma da lei é urxente pero con carácter retroactivo e tamén o é que aproben un Fondo Social de Axuda para os casos máis extremos. Teñen o trámite no Senado para introducir melloras, aprovéiteno por unha vez para mellorar a vida da xente posto que están destruindo todo o Estado de Benestar”.

A deputada do BNG demandou a Soraya Sánez de Santamaría que “polo menos desta vez, vaian ao fondo da cuestión e non veñan con panos quentes. Reformen a lei, paralicen todos os desafiuzamentos, non só os dos casos extremos como hoxe anunciou a banca, todos porque hai que parar esta tolura, e a partir de agora facer as cousas pensando na xente, nas persoas e non nos intereses da banca, como vostés e o PSOE fixeron até agora”.