Davila pide no Pleno a eliminación da cadea perpetua do Código Penal

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, deixou claro no Pleno da Cámara a votación en contra do BNG á proposición de lei de reforma do Código Penal en materia de delitos de terrorismo, o pacto PP-PSOE.

No pleno desta mañá debatíanse as emendas presentadas polos grupos a esta proposición de lei. Na súa intervención, a deputada do BNG explicou as emendas do BNG consistentes en primeiro termo en concretar a definición do delito de terrorismo que no proxecto é moi ambigüo.

Debe eliminarse a prisión permanente revisábel que na práctica é cadea perpetua

“Pedimos unha definición obxectiva e concreta de delito de terrorismo, alonxada de ambigüedades que permitan a súa aplicación punitiva indiscriminada segundo a política que desexe exercer o poder executivo de turno”, afirmou Davila, quen explicou que a emenda do BNG recolles as definicións de Convenios Internacionais (como o Convenio Marco da ONU para a Represión do Terrorismo), aceitada internacionalmente e que serviu para combater graves atentados.

A parlamentar do BNG sinalou que outra serie de emendas do BNG son de supresión para evitar definicións imprecisas, impropias do Código Penal. En xeral, Davila criticou que se opte por facer unha lexislación máis punitiva que “non é determinante para ter resultados máis positivos”.

Insistiu na necesidade de evitar a aplicación da prisión permanente revisábel, na práctica a cadea perpetua, recentemente creada na reforma do Código Penal “por ser un castigo inhumano que nega a reinserción social”. Foi moi crítica con este aspeito porque “o PP só se moveu por populismos , e o PSOE que primeiro se amosou en contra, agora acabou facéndolle o coro ao PP”.