Davila pide a Fomento que manteña os servizos ferroviarios en localidades ourensás

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que demanda ao Ministerio de Fomento que atenda a demanda social e sindical de que se manteñan as paradas ferroviarias nas localidades ourensanas do tramo Ourense-Puebla de Sanabria durante as fins de semana.

“Vai atender esta petición en aras a facilitar os desprazamentos dos estudantes? Mantivo conversas coa Xunta de Galiza en relación á eliminación do traxecto Ourense-Sanabria?”, son algunhas das cuestións que dirixe a Fomento.

A deputada do BNG alude ao acordo do Consello de Ministros do pasado 28 de decembro que aprobou un Plan de Racionalización do transporte ferroviario. Un Plan no que se recollen os servizos de transporte ferroviario de viaxeiros de media distanza que estarán financiados polo Estado, sendo declarados como obrigación de servizo público.

Non contan con transporte público alternativo

Neste sentido, pón de manifesto que en relación a Galiza se exclúe a liña Ourense-Puebla de Sanabria que supón deixar sen servizo ferroviario a poboacións ourensanas como Laza, Cerdedelo, Verín ou Baños de Molgas, entre outras.

Davila sinala que desde distintos sectores sociais e sindicais do sector ferroviario se pide que se manteña o servizo de fins de semana nas localidades que se atopan no tramo situado entre Ourense e Puebla de Sanabria, “especialmente para facilitar o desprazamento dos estudantes, ou ben, que a Xunta se faga cargo destes servizos”. A parlamentar nacionalista traslada a Fomento as impresións de representantes sindicais que consideran que non ten sentido suprimir este tramo porque no ano 2011 tivo máis de 3.500 usuarios.

Ademáis, recalca, “hai que ter en conta que localidades como Laza, Cerdedelo, Castrelo do Val-Verín, Vilariño de Conxo-A Capela non contan con outras alternativas de transporte público e quedarán aínda máis illadas.

“Por que razón decidiu suprimir o tramo Ourense-Puebla de Sanabria? É consciente de que esa decisión supón deixar sen servizos ferroviarios a moitas localidades ourensanas que non teñen transporte público alternativo?”, pregunta a deputada do BNG.