Davila pide explicacións a Facenda por privatizar o servizo telefónico de cita previa

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para pedirlle explicacións pola privatización da xestión do servizo telefónico de cita previa da Axencia Tributaria.

Davila sinala que a Axencia Tributaria convocou un concurso para adxudicar por dous millóns de euros a xestión do servizo telefónico de cita previa. O prazo aberto para que as empresas poidan concorrer remata o 10 de novembro. A deputada do BNG alude á intención da Axencia Tributaria de implantar o sistema de xeito gradual. Cunha primeira fase até xaneiro de 2015 ofertando unha serie de servizos, e logo incorporando a partir desa data o resto dos servizos.

A deputada do BNG critica a lóxica que rixe neste Goberno que sempre xustifica “as súas continuas privatizacións e externalizacións de servizos co argumento da racionalización de custes”. Máis, sinala Davila, até organizacións sindicais denunciaron que esta privatización xerará un sobrecuste económico do 67%, 800.000 euros máis que se se contratase persoal na Axencia Tributaria.

Davila pregúntase polas verdadeiras razóns que motivan ao PP a facer esta privatización. “Como noutros casos de privatizacións practicadas polo Goberno do PP en áreas estratéxicas, que deberían permanecer en máns públicas, sempre nos asalta a dúbida sobre as auténticas razóns do fervor gubernamental por privatizar, especialmente se se fundamentan en posibilidades de negocio a empresas de diverso espectro”.

A parlamentar nacionalista dirixe ao Ministerio de Facenda unha batería de preguntas: “Que razóns motivaron a decisión da Axencia Tributaria de proceder á privatización da xestión do servizo telefónico de cita previa? Por que non se mantén en máns públicas? Cando vai o Goberno a apostar pola creación de emprego público?”.

E finalmente, pide ao Ministerio de Facenda que dea marcha atrás nesta decisión e convoque prazas públicas para cubrir os servizos da Axencia Tributaria.