Davila pide explicacións ao Goberno por indultar a un garda civil machista e pide que se reconsidere

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para pedir explicacións ao Goberno por aprobar o pasado venres no Consello de Ministros o indulto do garda civil, Manuel Arbesú, que foi condenado a seis meses de suspensión de emprego por gravar a un amigo durante un acto de abuso sexual e por riba mofarse.

A deputada do BNG critica que o Consello de Ministros aprobase o indulto a este axente da garda civil. “Como se explica este indulto a un funcionario público que é todo un mal exemplo? É consciente o Goberno da mensaxe tan equívoca que está a transmitir á sociedade con este indulto, como se considerase o abuso sexual algo sen importanza? É consciente da ideoloxía machista que destila o Goberno con semellante indulto?”

Davila demanda ao Goberno que reconsidere esta decisión e anule o indulto. “Considera o Goberno que este tipo de actitudes se poden tolerar dentro da Garda Civil que está para servir á cidadanía? Cre que este axente pode continuar no seu posto? Non cre que persoas así non teñen cabida neste corpo?”

Persoas así non deben ter cabida na Garda Civil

Dase a circunstancia de que este garda civil é fillo dun concelleiro do PP en Lena. “Pode que nesta decisión pesase o feito de que sexa fillo dun representante do PP. É curioso que o Goberno non teña ningún pudor en indultar comportamentos tan censurábeis como o descrito, pero non lle preocupe que sindicalistas que defenden dereitos laborais vaian ao cárcere por actuar de piquetes informativos.

Olaia Fernández Davila recolle o sucedido en 2011 cando este axente gravaba co seu telefone móvil durante o traxecto do tren de Gijón a Oviedo a un amigo que estaba realizando tocamentos a unha muller. No momento no que unha persoa intentou auxiliar á muller acosada, o acosador agredeuno provocándolle feridas no rostro sen que o axente da Garda Civil fixese nada.

A deputada do BNG pón de manifesto que “é preocupante que o Goberno indulte a un funcionario público que cometeu dous delitos nun: non auxiliou a unha muller vítima de abusos sexuais e ademais fixo gala dunha actitude machista. Causa alarma que o Ministerio de Xustiza poida amparar a un axente machista que é un mal exemplo. Comportamentos así non se poden tolerar, e moitos menos “premiar” con indultos que están a transmitir á sociedade unha mensaxe equívoca”.

Para a parlamentar nacionalista “estamos ante feitos moi graves que atentan contra a dignidade das mulleres, máis, ao Ministerio de Xustiza lle importa pouco e decide levar ao Consello de Ministros o indulto a Manuel Arbesú.

“Que visión está a dar o Goberno á mocidade? Estálle a dicer que non importan os abusos sexuais nen os tratos vexatorios ás mulleres?”.