Davila pide a comparecencia de Soraya Sáenz de Santamaría por "falsear os dados de fraude de parad@s

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou hoxe np rexistro da Cámara varias iniciativas parlamentares pola utilización de dados falsos de fraude no cobro das prestacións de desemprego por parte da Vicepresidenta do Goberno na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros do pasado venres 11 de outubro.

Soraya Sáenz de Santamaría acusou a 520.000 desempregados e desempregadas de cobrar fraudulentamente a prestación de paro. Unha cifra que supón culpar de fraude a unha de cada cinco persoas, prácticamente o 20% dos parados e paradas.

Estratexia miserábel do Goberno do PP

Davila considera “totalmente escandalosa a miserábel estratexia do Goberno de Rajoy centrada na persecución aos sectores máis débis da pobación como son os parados e paradas, en lugar de concentrarse en perseguer a grande fraude fiscal e laboral que practican grandes empresas, multinacionais e grandes fortunas”.

A portavoz do BNG tamén solicitou a comparecencia de Fátima Báñez para que aclare os dados falsos proporcionados pola súa compañeira de Goberno, para que informe sobre as cifras reais de persoas desempregadas que cobran o subsidio de desemprego e o compatibilizan cun traballo remunerado. Especialmente para que “concrete que contía de paro percibían estas persoas acusadas de fraude, que tipo de emprego se lles está a ofertar aos parados e paradas, que salario e que características posúen eses traballos”.

Nesa líña, Davila lanza unha pregunta ao Goberno para coñecer “que baremo ten sobre cal debe ser o salario que precisa unha persoa para poder vivir dignamente”. A deputada do BNG sinala que “dificilmente se pode soster unha familia ou unha persoa con 600, 500 ou 400 euros ao mes. Qué salida é a que ofrece o Goberno do PP? A miseria? Nóminas por debaixo do salario mínimo interprofesional?”.

“Non lle parece ao Goberno que nos días nos que temos coñecemento de iinformes como o de Cáritas que arroxan cifras alarmantes de probeza, a probreza que vostedes provocaron, e que nos din que 3 millóns de persoas malviven con 307 euros, é incluso amoral manipular cifras de fraude no cobro da prestación de desemprego?”. A portavoz del BNG acusa ao Executivo de “cebarse co eslabón máis vulnerábel da cadea, de acosar aos millóns de persoas que atravesan situacións verdadeiramente complicadas, en lugar de ir ao escalafón alto da pirámide”.

A portavoz do BNG considera que un Goberno que “está empobrecendo cada vez máis ás súas maiorías sociais, que rebaixou os salarios ate níveis insostíbeis, que condenou a millóns de persoas ao umbral da probeza, non ten ningunha lexitimidade para exhibir con arrogancia e prepotencia dados de fraude no cobro da prestación por desemprego mentras non ofereza siquera os dados de fraude que este Goberno do PP cometeu no caso Bárcenas”.