Davila pide a comparecencia de Montoro por ter retido devolucións fiscais para cadrar o défice
En concreto, a deputada do BNG reprocha ao Ministro de Facenda que retivese as devolucións fiscais até superar o final de ano. Debe aclarar no Congreso o método de contabilidade utilizado polo Estado español para calcular o défice de 2012 e que Eurostat, a axencia estadística europea, obrigou a correxir á alza por considerar que o Executivo español utilizou fórmulas incorrectas.
A deputada do BNG critica a falta de claridade e transparencia por parte de Montoro. Un Ministro ao que case todas as semanas temos que escoitar ameazando e sinalando co dedo a colectivos por non estar ao día coa Axencia Tributaria, mentras el emprega argucias contábeis para lograr rebaixar o défice a final de ano. Pediu a Montoro transparecencia, algo tan de moda ultimamente pero ao que o PP se resiste.
Ademáis, Davila quer que o titular de Facenda acuda á sede parlamentar a informar se está a negociar ou non ante a UE relaxar o obxectivo de défice dado que escoitamos pronunciamentos contradictorios entre a UE e o Goberno español. Nese sentido, lembra que a Comisión Europea negou estar en negociación co Executivo español para rebaixar o obxectivo de défice.
Hai que deixar a obsesión polo défice que só leva a recortes masivos
De todos modos, a deputada do BNG afirma que é hora de que o Goberno supere a súa obsesión polo défice. Igual que é hora de que a UE ordene políticas entregadas ao cumprimento estricto do défice que se demostraron un rotundo fracaso. Só sofrimos recortes e máis recortes sen que se incentive a economía, nen o consumo nen se rebaixen as cifras do paro. A UE e o Goberno español teñen que cambiar o rumbo porque nos conducen á improductividade, e non ofrecen nengún futuro á xente, só aseguran o futuro da banca.