Davila pide ao Goberno un Plan urxente de Axuda ao sector Lácteo

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha proposición non de lei na Cámara na que insta ao Goberno a aprobar con carácter urxente un Plan de Axuda ao Sector Lácteo para paliar a grave crise pola que atravesa o sector.

Ademáis, empraza ao Executivo a impulsar a negociación entre o sector gandeiro e a industria que, partindo dun prezo mínimo do leite, permita acadar as condicións que se estabelecen no contrato obrigatorio dacordo ao aprobado no Real Decreto de 28 de setembro. Davila pide que o Goberno garanta o prezo mínimo de referencia.

Dada a situación do sector agro-gandeiro galego resulta “máis que preocupante porque se está indo a unha destrucción sen precedentes de postos de traballo e de explotacións gandeiras”. Nese sentido, pón de manifesto que nos tres últimos anos desapareceron 10.000 postos de traballo, e “como non se adopten medidas urgentes, desaparecerán a curto prazo outros 10.000 postos no rural”.

Cañete debe comparecer canto antes

Esa é a razón pola que a deputada do BNG solicitou a comparecencia do Ministro, Miguel Arias Cañete, para que explique que medidas vai adoptar para rematar coa crise do sector e para saber se está disposto a ter en conta a proposta do BNG de aprobar un Plan de Axuda para o Sector Lácteo.

Davila sinala que unha das principais causas deste grave estado “está nos baixos prezos do leite, así como noutros factores como o incremento desmesurado dos custes de producción: prezos dos cereais, dos piensos, dos combustíbeis.

A deputada nacionalista salienta que os gandeiros galegos reciben tan só 0,28 euros por litro de leite, dous céntimos por debaixo da media estatal. “Páganlles menos polo litro de leite que cando entrou en vigor o euro hai máis de dez anos, sendo como é Galiza a primeira productora de leite”.

Olaia Fernández Davila afirmou que a situación preocupa especialmente nas comarcas galegas onde o sector lácteo ten un gran peso como en: Ordes, Lugo, Terra Chá, Deza, Arzúa, Xallas, Betanzos, Sarria, Chantada, Bergantiños, Melide, Tabeirós, Santiago, Barcala. “Zonas onde moitas explotacións fixeron un grande esforzo de modernización para aumentar as dimensións das súas granxas”.

A deputada do BNG advirte a Cañete que a crise é de tal envergadura que as organizacións do sector, sindicatos e cooperativas lácteas decidiron iniciar a partir do 27 de novembro unha folga de entregas de leite ás industrias. “Por iso facemos un chamamento ao Ministerio para que faga unha reflexión sobre o sector porque está en grave perigo o seu futuro”.