Davila sobre os Orzamentos 2014: "Son uns Orzamentos para continuar a empobrecer á poboación"
Á espera de coñecer as conta do Estado polo miúdo unha vez que o luns 30 entren no Congreso, Davila afirmou que seguen a ser uns Orzamentos inúteis para saír da crise. Ademáis, engadiu, que son un exercicio virtual tendo en conta a cantidade de modificacións que a golpe de Real Decreto lei se fixo no actual exercicio de 2013. Como é o caso dos aumentos de partidas para Defensa mentras se reducían as axudas ao estudantado.
Davila aludiu ás palabras de Montoro na rolda de prensa do Consello de Ministros quen cualificou os Orzamentos de rigurosos, austeros e comprometidos co défice. A portavoz do BNG acusou ao Executivo de Rajoy de seguer coas mesmas políticas obsesionadas polo défice, de continuar co austericidio e as políticas fracasadas que provocan máis crise. Son uns Orzamentos para continuar a empobrecer á poboación, concluiu.
O tesourazo de 2014 é o recorte en pensións
A portavoz do BNG sinalou que os lixeiros aumentos en axudas e bolsas e en I+D+I son insuficientes, e está claro que nestes eidos o Goberno se moveu debido á presión social, ás movilizacións e ás críticas polos recortes en educación e na innovación. Máis reprochou ao Executivo non ter credibilidade ningunha porque goberna a golpe de Reais Decretos e recortes como sucedeu coas bolsas e axudas aos estudantes recortadas até a mínima expresión, ou coa aprobación do copago farmacéutico hospitalario, e como van facer coas pensións. Advertiu que o grande tesourazo para o 2014 vai ser o das pensións que xa non se van revalorizar dacordo ao IPC.
Fixo fincapé na denominada conxelación salarial dos traballadores públicos (2,57 millóns de traballadores) para sinalar que non é unha conxelación, en realidade é unha baixada dos seus salarios porque desde o ano 2010 perderon en torno a un 15% do seu poder adquisitivo, que sumado á suba de impostos, do IVE e do IPC implica unha caída importante dos seus ingresos.
Nese sentido, mencionou o Informe do Banco de España sobre a reforma laboral, nada sospeitoso de esquerdismo, no que se indica claramente que o grande éxito da reforma laboral é a baixada de salarios e o aumento da temporalidade. Eses son os froitos do Goberno do PP que non atalla o paro e por riba reduce os salarios, o que resinte aínda máis o consumo e detrae a reactivación económica. Unha espiral que estes orzamentos alimentan.
A portavoz do BNG acusa ao Goberno de gobernar de costas á realidade social, unha realidade cada vez máis dura e cuns índices de pobreza en aumento.