Davila: "Non hai recuperación posíbel con taxas históricas de paro e de emprobecemento social"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, realizou hoxe un balanzo moi crítico da xestión do Goberno de Rajoy neste ano 2014 que cualificou de “nefasto para as economías da xente” e considerou que “ao revés do que opina Rajoy, o 2015 non promete moito para a vida da xente”.

Após da comparecencia do Presidente do Goberno español, Davila considerou que “hai que ser moi atrevido para falar de recuperación económica cando continuamos en taxas de paro históricas e cando o empobrecemento social sigue en avance. A xente non acredita nas cifras macro de Rajoy porque as micro economías domésticas siguen a padecer desemprego, facturas de luz e de gas de escándalo, IVE inasumíbel en material escolar e compras en xeral, probeza enerxética, falla de traballo e o que hai é precario e con condicións e salarios propios do século XIX, e uns salarios de miseria”.

Baixo este panorama, a portavoz do BNG sinala que “non hai recuperación posíbel. Poderá falarse de brotes verdes cando a poboación teña traballo en condicións, salarios dignos, poida poñer a calefacción e prender a luz, e baixe o número de persoas e familias que cada vez máis se ven obrigadas a ir a comedores sociais”.

“Un Goberno que fallou a Galiza”

Fixo alusión particular a Galiza para resaltar que “o Goberno Rajoy fallou tamén ao sector naval galego, á pesca, á industria asentada na Galiza así como ao sector agro gandeiro ao que aínda non se lle resolveu o problema do baixo prezo en orixe. Un Goberno que sigue sen resolver a falla de carga de traballo para Navantia na Ría de Ferrol poñendo en perigo a miles de postos de traballo mentras o Presidente da SEPI cobra 200.000 euros ano ano. Un Goberno que non negociou ben as cotas pesqueiras nin plans pesqueiros e de novo paga a frota galega de litoral. Un Goberno ao que lle daba igual que pechara Alcoa en A Coruña ou Megasa, un Goberno pouco atento ás necesidades de Galiza nos Orzamentos estatais e que por riba nunca os cumpre. Un Goberno que nas súa competencias é inútil para Galiza”.

“O das pensións é unha tomadura de pelo”

No que atinxe ás decisións do Consello de Ministros que hoxe acorda unha revalorización das pensións do 0,25% e unha suba do Salario Mínimo Interprofesional de 3 euros, Davila enfatiza que “causa enoxo que o Goberno fale de revalorización das pensións cunha porcentaxe de suba tan ridícula. Estamos xa fartos de eufemismos que a ninguén enganan, calquer pensionista sabe que ten as pensións conxeladas e o demáis é demagoxia barata”. En canto ao SMI: “Outra tomadura de pelo. Tres euros máis ao mes”.

A corrupción: “Quen pode crer a Rajoy?”

No capítulo da corrupción que na súa comparecencia mencionou o Presidente do Goberno español, Olaia Fernández Davila reprochoulle que “falara como se non fose con el” afirmou que “segue a ser un Presidente sen credibilidade neste aspecto. Rajoy pasou por alto a inmensa corrupción que salpica ao seu partido, para a continuación falarnos de medidas de rexeneración democrática cando debería empezar por rexenerarse el mesmo”. “Ningún cidadán pode acreditar en Mariano Rajoy cando mira para o PP” e engadiu que as medidas aprobadas son insuficientes e esquecen cuestións importantes como a necesaria regulación das portas xiratorias ou rematar coas privatizacións que “son o graneiro das corrupcións”.

Catalunya e o dereito a decidir: “Co inmovilismo non se vai a ningures”

No que atinxe á “inamovíbel” posición do Goberno en relación ao dereito a decidir de Catalunya, igual que o dereito a decidir doutras nacións do estado como Galiza ou Euskadi, “haberá que advertirlle que co inmovilismo non se arranxan as situacións, igual que tampouco xudicializando a vida política. É unha cuestión que require de solucións políticas e de recoñecemento da pluralidade nacional do estado, así como de respecto democrático. Saberá o Señor Rajoy que canto máis se enquiste na súa inflexibilidade retrógrada máis se alonxará da poboación catalana e do seu anhelo a poder decidir libremente o futuro do seu pais”.