Davila a Montoro: "Pensan que somos inconscientes e que non sabemos que crearon probeza"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, interviu no último trámite dos Orzamentos Xerais do Estado 2016 para rexeitalos por completo.

Na súa intervención, Davila afirmou que se trata duns Orzamentos “cos que o PP pretende edulcorar a súa oferta eleitoral para o 20-D. Inventáronse un optimismo tan fora da realidade que incluso outras instancias europeas lles chamaron a atención. As súas previsións de medre foron desmentidas tanto polas cifras da Comisión Europea como do FMI, como do BBVA”.

Igual que foron desmentidas as súas previsións sobre o défice, sinalou a deputada do BNG. “Máis, dálles igual. Vostedes o que queren é publicitar que son uns Orzamentos que van mellorar a economía en 2016”. Davila díxolle a Montoro que “como non cumpriron o programa de 2011, pretenden darlle credibilidade ao seu programa de 2016. E igual pensan que a desfeita social que fixeron está só no imaxinario popular, e que imos crer que haberá unha enorme bonanza porque están a crear moito emprego”.

O Hospital de Vigo é un exemplo do deterioro practicado polo PP

“Pensan que somos inconscientes e que non sabemos que o que vostedes están a crear é probeza, precariedade. Cecáis pensan que nos imos crer que van mellorar os servizos públicos que deterioraron durante 4 anos. E que nolo imos crer sobre todo os cidadáns do sul da provincia de Pontevedra que estamos a sofrer as gravísimas consecuencias da súa obsesión pola privatización da sanidade”, espetou.

Referiuse á lamentábel situación do novo hospital de Vigo como exemplo do deterioro da sanidade pública: “Estamos a sofrer as consecuencias dun novo hospital, que podemos resumir da seguinte maneira: en agosto os pacientes comían quente e a partir de setembro comen en frío. E iso cando comen, porque a maioría das veces teñen que devoltar a comida porque é inservíbel”.

A parlamentar nacionalista puxo de manifesto que “pódelles parecer demagoxia pero é a realidade que se está a sofrer en moitas áreas sanitarias como no novo hospital de Vigo, grazas a esa obsesión de facer da saúde un negocio e de facer da sanidade pública un negocio para que as empresas gañen cartos. Vostedes non poden dicernos que con estes Orzamentos van mellorar a vida das persoas porque as persoas hoxe viven as consecuencias das políticas do PP. A realidade é contumaz, Señor Montoro”, rematou Davila.