Davila a Montoro: "Estes Orzamentos non son bós para Galiza e haberá máis empobrecemento"
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, explicou o rexeitamento do BNG aos Orzamentos do Estado 2014 porque non son bós para Galiza, non contempla os investimentos que precisa, non son os Presupostos da recuperación nin da solidariedade. Serán só para os que crean na maxia.
Davila censurou os Orzamentos pola obsesión polo défice e o pagamento da débeda, que se antepoñen á necesaria recuperación económica, á creación de emprego e á cohesión social. Advertiu que traerán máis empobrecemento, sobre todo, porque xa se anunciaron novos recortes que implicarán máis sacrificios.
Reprochou ao Goberno que sexan os Orzamentos que marquen outra caída do poder adquisitivo dos pensionistas e dos traballadores públicos. É un proxecto regresivo en canto a políticas sociais. Acorde á concepción global de reducir o Estado de Benestar á mínima expresión. Nese sentido, sinalou que a dotación do Ministerio de Sanidade descende nun 34,2%. As partidas para servizos sociais e promoción social recórtanse nun 36%. Recórtase o orzamento destinado ao subsidio para o desemprego.
E a cobertura para libros de texto diminúe nun 92%.
Non hai un euro para o desenvolvemento da pesca, do agro ou do naval galego
En canto a Galiza, Davila subliñou o défice histórico que o noso pais padece en materia de infraestruturas e o considerábel retraso na execución das obras de alta velocidade. Puxo de manifesto que coas contas para Galiza se fai un artificio orzamentario na alta velocidade cunha dotación económica non detallada e inexecutábel na práctica. Explicou que o AVE Olmedo-Lubián-Ourense se dota con 571,3 millóns pero no mesmo documento de Orzamentos se indica que se deixará sen executar 142 millóns en 2013.
Mentras tanto, recalcou, déixase a Galiza sen partidas en todos os demáis ámbitos: fican fóra actuacións como a prolongación do Eixo Atlántico até Ferrol, o saneamento das rías galegas, ou o desenvolvemento de sectores produtivos como o naval, o agro e a pesca. Sen esquecer que o Fondo de Compensación Territorial descende un 27,6%, sendo Galiza a terceira comunidade onde o descenso é maior.
Nese liña, enfatizou que o investimento total dos Ministerios para o territorio galego é de 212,4 millóns, un 20,5% menor á deste ano 2013.
Os impostos para as maiorías sociais pero non para as grandes empresas
No relativo á materia de impostos, a deputada do BNG lembra que o PP presentou no seu día as subas no IRPF e no IBI como temporais, pero nestes Orzamentos consolidan eses incrementos. E se aumenta o IVE en servizos sanitarios. Mentras, recalcou, non adoptan medidas para gravar máis os grandes beneficios empresariais ou as rendas financeiras especulativas.
De igual xeito, criticou a falla de medidas destinadas a loitar contra a fraude e a evasión fiscal.
A portavoz do BNG afirmou que son unhas contas que impiden a dinamización da economía, a reorientación do modelo produtivo e a xeración de emprego. Reprochou ao Goberno o débil esforzo en I+D+I, e dada a gravedade das cifras do paro, acusou ao Executivo de esquecer aos millóns de parados porque non se destina nada a un Plan de Emprego.
Acusou ao Goberno de beneficiar ás compañías eléctricas porque a suba de orzamento do Ministerio de Industria é para transferencias ás empresas eléctricas.