Davila mediou para que Vanessa fose posta en liberdade

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, mediou durante toda a tarde de xoves para que unha das afectadas pola estafa das preferentes que acudiu ao pleno do Congreso fose posta en liberdade.

O BNG convidou á sesión plenaria de onte a 6 persoas afectadas polo engano das participacións preferentes e subordinadas de Novacaixagalicia para que escoitasen de primeira mán o debate do Real decreto que establece quitas elevadas nas preferentes.

Davila explicou no pleno o non do BNG e tamén luciu a camiseta reivindicativa dos afectados. Ao finalizar o debate desta normativa, os preferentistas convidados polo BNG xunto con outros afectados de bankia prorrumpiron en berros e protestas, até que foron desaloxados pola policía.

Só unha das afectadas, procedente de Santiago, e que hoxe é portada en moitos xornais, ficou soa e fixo ver a súa disconformidade e enoxo co real decreto minutos máis tarde. Foi detida e permaneceu unhas horas na comisaría do Congreso até que a trasladaron a outras dependencias policiais de Madrid, á comisaría de Moratalaz.

A portavoz do BNG mediou ante a Presidencia do Congreso e realizou todas as xestións posíbeis durante toda a tarde até lograr a posta en liberdade de Vanessa. Foina buscar á comisaría de Moratalaz e se preocupou polo seu benestar.