Davila a Guindos:"Retiren o Decreto das quitas ás preferentes e arbitren medidas para recuperar todo
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, demandou ao Ministro de Economía, Luis de Guindos, que retiren o Real Decreto das preferentes e arbitren medidas para recuperar o 100% porque falamos dos aforros de familias para momentos de necesidade.
Métase na pel dos afectados
Davila apelou a Guindos a meterse na pel dos afectados. Foron estafados e enganados polos bancos e vostés seguen beneficiando á banca. A pesar das palabras do Ministro, a deputada do BNG enfatizou que os que imos pagar somos os contribuíntes. A banca agora ten fondos de todos. Vostés non tiveron problemas en lles dar cartos de todos. Non dean máis fondos aos bancos.
Acusou ao Ministro de non dicer a verdade. Vostés mintiron sobre as repercusións a miles de afectados que sufragaron cos seus aforros a grave irresponsabilidade da banca. O Goberno, puntualizou, con este Decreto so pretende un lavado de cara mentras se lle incauta a miles de familias os seus aforros.
Familias que gardaron os seus cartos para crises como a que estamos a padecer, e que ven como lles quitan ilexitimamente os seus aforros. E digo ben, porque hai sentenzas que din que foron enganados.
Legalizan a estafa
Reprochou a Guindos que se legalice a estafa e afirmou que se trata dunha captación fraudulenta. É unha orde para se quedar cunha parte importante. En relación ás afirmacións do Ministro quen sinalou que a quita non ten nada que ver coa arbitraxe, Davila puxo de manifesto que moitos estafados reciben escritos non para convidalos á arbitraxe senón para informarlles das quitas.
Retiren o Real Decreto e arbitren mecanismos para que os afectados recuperen o 100%, subliñou a deputada do BNG.