Davila a Fátima Báñez: "Só queren empobrecer as pensións e que se contraten plans privados"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, foi moi dura e crítica coa reforma das pensións que a Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, veu explicar á Comisión do Pacto de Toledo.

“A vostés o único que lles interese é rebaixar as pensións, e dicerlles á xente que o futuro das pensións non vai ser bón. Están empeñados en que a xente se busque outras alternativas ás pensións públicas, queren que contraten fondos privados de pensións e dar negocio á banca”, enfatizou a portavoz do BNG. Pediu ao Goberno que retire a reforma canto antes

O PP aposta polas pensións privadas e o negocio da banca

Davila reprochou ao Goberno a presentación dunha “proposta que é para empobrecer as pensións e aos pensionistas”, e criticou o “ninguneo que o Goberno fai do Parlamento, en concreto, da Comisión do Pacto de Toledo”. “Vosté ofrece diálogo agora cando o diálogo tiña que ser previo. Antes de aprobar a proposta era o momento de traelo á Comisión. Así funciona o diálogo e non como fan vostés”. Ademáis, subliñou, “din que falaron cos axentes sociais pero aprobaron a reforma das pensións en contra das organizacións sindicais e en contra da patronal e do Informe do CES”.

A deputada do BNG deixou claro a Fátima Báñez que “non nos convencen, ao BNG non porque a súa reforma das pensións é para empobrecer ás pensións e aos pensionistas. Puxo o aceno na irrisoria revalorización do 0,25% para o 2014 e criticou que se desligue a revalorización das pensións do IPC. Por riba “o tan traído factor de sostenibilidade que vai ter en conta a esperanza de vida, provocará pensións máis baixas aínda”.

Davila acusou ao Goberno do PP de aplicar “o rodillo da súa maioría parlamentar. O PP sacará adiante a lei que considere como vai suceder con esta reforma e con outras moitas leis através do rodillo da súa maioría absoluta”.

A portavoz nacionalista deixou claro á Ministra que as pensións dependen sobre todo doutras cuestións relacionadas coa productividade. “Hai que incrementar a afiliación á Seguridade Social, diminuir as cifras do paro e crear traballo”. Para Davila é a mellor maneira de garantir as pensións, máis puxo en dúbida que “o PP teña interese en mellorar as pensións públicas” porque a súa aposta é a liña dos plans de pensións privados.