Davila dílle a Rajoy que "son un Goberno esgotado"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse no Pleno ao Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, para dicerlle que “o Plan de recortes que aprobaron o 26 de abril demostra a súa falla de ideas, algo propio dun Goberno esgotado”.

“Despois de escoitarlle, sinalou Davila, reafirmámonos nesa conclusión”.

Rajoy comparecía esta mañá no Pleno do Congreso para dar conta do denominado “Plan de Reformas” aprobado no Consello de Ministros do venres 26 de abril. A deputada do BNG aludiu a algunha das frases pronunciadas por Rajoy quen dixo que “non hai cambio de rumbo” ou que “non temos as máns valdeiras”.

“Agardábamos Señor Rajoy que explicase á cidadanía que ten as máns valdeiras ou a punto de telas, como lle vai afectar o Plan de Reformas, como lle vai afectar a liberalización aínda maior da lei de servizos profesionais, a unidade de mercado, ou cantos parados máis vai significar a reforma da Administración pública que anuncia, e como vai afectar aá reducción salarial e das pensións a Lei de Desindexación económica”.

Non fan nada para loitar contra o paro

A deputada do BNG interpelou a Rajoy para reclamarlle concreción sobre o denominado Plan de Emprego. “Díganos en que consisten as medidas para o emprego do Plan que moito nos tememos que non sexa máis que un título, porque o máis certo do que vostés dixeron é que non se xerará emprego até despois do 2015”.

Davila reprochou a Rajoy que un día após dos dados da EPA, 6,2 millóns de parados, “non aprobasen medidas para xerar emprego ou para a reactivación da economía. Seguen no mesmo rumbo errático que só garante que non haberá emprego até despois do 2015. Que seguirán co incremento do paro”.

A portavoz do BNG demandou ao Presidente do Goberno español: “Cambie de rumbo porque cambiar é positivo”, sobre todo polos malos resultados. E criticou que “volten co mesmo”.