Davila dílle a Montoro que "se deixe de parches e faga unha reforma fiscal integral"

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, explicou no Pleno o rexeitamento do BNG ao proxecto de lei de medidas tributarias dirixidas á consolidación das finanzas públicas.

O BNG presentou unha emenda á totalidade a este proxecto porque “as medidas fiscais que se contemplan son totalmente insuficientes cando o urxente é acometer unha reforma fiscal integral baseada na progresividade”. Nese sentido, reprochou ao Goberno do PP o incremento do IVE, o aumento dos tipos de tributos indirectos, “mentras se aproban amnistías fiscais aos defraudadores”.

Precísanse máis medios para loitar contra a fraude fiscal

A deputada do BNG demandou ao Ministro máis medios e máis recursos para loitar contra a fraude fiscal. “Necesitamos máis medios contra a fraude fiscal, temos un 80% menos de recursos contra a fraude que Alemaña e un 70% menos que Franza”. E sinalou que “son xa moitas as voces de expertos que advirten de que a crise fiscal é unha crise de ingresos. Por iso é urxente abordar unha reforma fiscal integral”.

Un sistema fiscal inxusto

Advertiu da caída do 7% da capacidade recadatoria do Estado español “mentras noutros países da UE como en Franza se aumentou a capacidade recadatoria”. Davila reprochou a aprobación de sucesivas reformas “de desarme fiscal que configuraron un sistema inxusto”. Puxo de manifesto que se está incrementando de maneira alarmante a desigualdade social. Nesa liña, sinalou que no Estado español se aumentou cinco veces máis a desigualdade que na media da UE.

Subliñou que a presión fiscal no Estado español é inferior ao promedio europeo. “O sistema fiscal existente non contribúe a combater as desigualdades sociais. Hai que correxir a situación de inxustiza cunha reforma fiscal para lograr máis recursos e que paguen máis os contribuíntes que máis teñen”.

A parlamentar nacionalista afirma que as medidas deste proxecto son insuficientes “e vostés demostran unha total falla de vontade política para afrontar a reforma fiscal que o Estado español precisa. Un remendo que non arranxa o problema”. E criticou a “diminución sen precedentes do imposto de sociedades”.

Davila demandou ao Ministro Montoro que “presenten unha reforma fiscal en toda regla baseada nos principios de equidade e progresividade para garantir maior xustiza impositiva e máis ingresos, de igual xeito que se garanta un mellor financiamento ás CC.AA”.