Davila dille ao PP que "o BNG está en contra doutra reforma das pensións"
A deputada do BNG interviña na Comisión de Seguimento do Pacto de Toledo na que está comparecendo o Secretario de Estado de Seguridade Social, Tomás Burgos, onde presentou un documento sobre reforma das pensións. O alto cargo do Ministerio propuxo aumentar un 50% a xornada dos xubilados a tempo parcial e subir a 33 anos, os anos de cotización para acceder á prestación.
Ademáis, o PP propón reducir as xubilacións anticipadas e parciais, e a posibilidade de compatibilizar as pensións con traballos.
Non a máis recortes nas pensións
Cando aínda non entrou siquera en vigor a última reforma das pensións do anterior Goberno, que entra en vigor en xaneiro de 2013, vostés veñen aquí con novas reformas no sistema das pensións, sinalou Davila quen preguntou ao Secretario de Estado se van revalorizar as pensións neste 2012.
A deputada do BNG lembrou que o BNG votou en contra da reforma das pensións que aumentou a idade de xubilación a 67 anos e obriga a máis anos de cotización. Cando aquel debate, o PP se posicionou en contra da ampliación da idade de xubilación. Agora fan o contrario do que predicaron na oposición.
Vostés queren desincentivar as xubilacións anticipadas, queren facer novos recortes nas pensións. E por riba propoñen compatibilizar as pensións con traballos cando o paro supera o 25% e as previsións para o 2013 son dramáticas. Non hai congruencia no que propoñen, indicou Davila.
A deputada do BNG afirmou que o que agardábamos do PP é que voltasen situar a idade de xubilación nos 65 anos, iso sería o coherente co que defenderon cando estaban na oposición.