Davila dí que a tarifa plana "é un agasallo para os empresarios e precariedade para traballadores"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, fixo unha dura crítica ao Decreto que recolle a denominada tarifa plana dos 100 euros nas cotizacións empresariais polas súas nefastas consecuencias na calidade do traballo e polo seu impacto negativos nos ingresos da Seguridade Social.

Davila abroncou á Ministra de Emprego por unha medida que cualificou de “medida trampa, que só levará á substitución duns traballadores por outros”.

Non vai crear emprego novo

A deputada do BNG advertiu que coa tarifa plana non se vai crear emprego como dixo Rajoy no debate de política xeral. “É falso, completamente falso o que dixo o Presidente do Goberno de que con esta medida se ía crear emprego neto, o único que levará será á substitución duns traballadores por outros”, e censurou que se poida contratar despois de despedimentos obxectivos.

“É falso tamén que con esta medida se vaian incrementar os ingresos da Seguridade Social. É tan só unha proposta eleitoralista”, enfatizou a parlamentar nacionalista.

Acabarán co Fondo de Reserva

Davila dirixiuse á Fátima Báñez para censurar que “o único que perseguen é rematar definitivamente co Fondo de Reserva da Seguridade Social. Van dilapidar os fondos para facerlles un agasallo ao sector empresarial. Só é un regalo aos empresarios para que contraten máis barato, para que os traballadores teñan maior precariedade”.

“Vostedes precarizan aos traballadores a costa de beneficiar aos empresarios, precarizan o mercado laboral e deixan aos traballadores e ás traballadoras nunha situación de precariedade, para que traballen máis horas e con menos salarios. Non pensan na probeza que isto vai xerar, non pensan na caída da capacidade adquisitiva”,

reprochou a deputada do BNG ao Goberno.

O BNG votará hoxe no pleno en contra deste Decreto.