Davila denuncia que Rajoy "xa está despedindo traballador@s públic@s"

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar hoxe na Cámara para denunciar que o Goberno de Rajoy xa está a despedir a traballadores públicos “desde que veu de Bruxelas”.

En concreto, a deputada do BNG dirixe varias preguntas ao Goberno debido ao despedimento de 55 traballadoras e traballadores que son Personal Laboral do Instituto de Saúde Carlos III, e que levaban nove anos prestando unha serie de servizos de xeito continuado. Davila pón de manifesto que algunhas destas persoas tiñan contratos até decembro deste ano e outras incluso até o 2014.

“Pero recentemente, e sen mediar ningunha información previa, comunicóuselles que se rescindían as súas funcións e os seus contratos.

Davila enfatiza que “ademáis da lamentábel perda de postos de traballo, hai que aludir a outras consecuencias como o impacto social de prescindir de traballos en áreas estratégicas como a xestión dos sistemas que informan das políticas sanitarias, o desenvolvemento das Estratexias de Saúde do SNS, a prevención e control da infección polo VIH, a violencia contra as mulleres ou a saúde sexual e reprodutiva”.

Anuncios que son feitos consumados

A deputada do BNG subliña que “os recortes que o Goberno de Rajoy está levando a cabo teñen un impacto moi negativo tanto na economía, como nas cifras do paro, na cidadanía, ou na merma da calidade dos servizos. É un círculo vicioso no que está empeñado a pesar da evidencia de que a crise se está agravando. Os recortes só producen máis recortes sen fin e están conducindo a unha situación extrema a miles de persoas”.

Davila afirma que “de xeito sigiloso, o Goberno xa está a aplicar o Plan de recortes e “duros axustes” que Rajoy anunciou á súa volta de Bruxelas o outro día. O anuncio de que se despedirán a miles de traballadores públicos xa é un feito consumado”.

A deputada do BNG ironiza sobre o feito de que a noticia da baixada do paro en 100.000 persoas “parece que non gustou ao Goberno porque ten intención de despedir a case 100.000 empregados públicos. Preguntámonos se é para “correxir” o descenso do paro e voltar a situalo nos máximos históricos nos que está”.