Davila demanda a Tejerina que defenda ao sector da conserva galega na UE

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que empraza á Ministra de Agricultura a defender ao sector da conserva galego, moi prexudicado polos Acordos comerciais da UE con terceiros países.

A deputada do BNG critica os acordos comerciais que a UE está adoptando con países asiáticos como Filipinas e que teñen consecuencias moi negativas para sectores como o da conserva. A exención de aranceis ás latas de atún supón “na práctica unha competencia desleal para o sector da conserva galego, un dos que máis peso teñen en Europa”.

Davila denuncia que o “noso sector debe traballar nun mercado baixo unhas condicións desfavorábeis e de clara desventaxa porque as reglas de xogo non son as mesmas para todos. A conserva comunitaria está sometida a uns estrictos controis, normas e condicións sanitarias, mentras que a conserva procedente de países do Sudeste asiático vai xogar no mesmo eido partindo dunha regulación moito máis laxa e por riba sen pagar aranceis”.

A UE debería prohibir a entrada de conservas que non siguen as normas

A parlamentar nacionalista pón de manifesto o contido de informes que indican que o 85% das conservas de atún de importación que se comercializan no mercado comunitario non cumpren coa normativa obrigatoria para estar nos puntos de venda. E faise eco das análises do sector conserveiro galego que sinala que se “a UE prohibise a entrada de conservas de atún que non seguen estrictamente as normas hixiénico-sanitarias ás que están obrigados os paises comunitarios, poderíase incrementar significativamente a capacidade produtiva, o que tería uns efectos moi positivos sobre o emprego”.

Olaia Fernández Davila traslada á Ministra de Agricultura a proposta do sector da conserva de crear un Observatorio comunitario da Trazabilidade que permitiría efectuar un maior control e vixianza dos productos. Razón pola que dirixe ao Goberno unha batería de preguntas: “Qué disposición ten o Goberno a levar esta proposta á UE? É consciente dos perxuizos económicos e das perdas que a exención de aranceis ás latas de atúns de países asiáticos está a provocar no noso sector? Sabe que así non poden competir?”.

Davila insta a Tejerina a adoptar medidas e a reunirse co importante sector da conserva galega para estudar medidas de este tipo.