Davila defendeu a derogación da reforma constitucional PP-PSOE e critica que "desamparasen ao pobo"
No seu turno, Davila criticou severamente as políticas anti sociais desenvolvidas desde que PP e PSOE pactaron en 2011 a reforma constitucional para fixar o obxectivo de défice. Así, salientou que o 66% da poboación está en perigo de exclusión social, e só un 34% viven en condicións de integración plena cando en 2007 esa cifra era de 50%.
Unha manifesta expresión da realidade do estado español que ten a súa causa nas políticas de emprobecemento levadas a cabo por este Goberno ao amparo da modificación do artigo 135 da Constitución, aseverou. Iso si que foi unha herdanza!, enfatizou.
Críticas ao pacto bipartidista PP-PSOE
Davila sinalou que aínda sendo unha reforma da época de Zapatero, non tería sido posíbel sen o inestimábel contributo do grupo Popular, que votou conxuntamente co grupo socialista, explicitando un pacto xestado sen luz e taquígrafos. Ironizou coa posición do PP que por aquel entón exercía unha furibunda oposición pero que non lle impediu colaborar de xeito entusiasta na reforma constitucional polo défice. Recriminou a ambos o pacto bipartidista, e dirixíndose ás bancadas socialistas espetou: Está ben señorías do PSOE que esta tarde rexeiten a modificación constitucional e que recoñezan o erro pero moito nos tememos que se produza nun momento no que a situación xa é grave.
Reprochoulles que deixaran aos pés dos cabalos dereitos fundamentais e o Estado de Benestar en perigo de extinción. Censurou a modificación do artigo 135 que estabelece a limitación estricta do défice e da débeda pública, priorizando o pagamento dos intereses e o capital da débeda. Davila rememorou algunha das nefastas políticas levadas a cabo ao albur desta reforma constitucional:
O BNG advertiu en 2011 das consecuencias
Foi causa dos recurtes na sanidade, na educación, da práctica anulación da Lei de Dependencia e da redución dos servizos sociais á mínima expresión. O ámbito da xustiza converteuse nun luxo polo efecto disuasorio das elevadas taxas. Aludiu asemade á reforma laboral que incrementou o paro e institucionalizou o empobrecemento e a precariedade laboral, subliñando que máis de cinco millóns e medio gañan por debaixo do salario mínimo.
Mencionou a Reforma Local que coartou os servizos públicos dos concellos. Citou a conxelación das pensións e dos salarios dos empregados públicos así como os recurtes en I+D+I. Criticou as políticas obsesionadas coa redución do défice que empobreceron ás maiorías sociais, mentras se rescatou á banca e se pagan altísimos intereses.
A deputada do BNG resumiu as consecuencias nunha elocuente frase: Con esta reforma desamparouse ao pobo para protexer ao poder financeiro. Lembrou que o BNG se opuxo a esta reforma desde o primeiro instante, e o acontecido nos últimos anos nos deu a razón porque sempre advertimos de que era unha reforma perxudicial para os intereses da cidadanía. Davila afirmou que se podía ter reducido o défice doutro modo, através dunha auténtica reforma fiscal para incrementar os ingresos do estado. Unha fiscalidade que evitase a ignominia de que mentras a maioría da poboación se empobrece, as grandes fortunas incrementan os seus beneficios.
Neste sentido, avogou por utilizar a economía ao servizo das persoas e non ao revés.