Davila defende no pleno a revalorización das pensións e a creación dun imposto para grandes fortunas

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu esta tarde á tribuna da Cámara a defender as propostas do BNG en materia fiscal e outras cuestións relativas ao emprego público e á revalorización das pensións e salarios públicos.

Hoxe deu comezo o pleno monográfico de debate das emendas que os distintos grupos parlamentares, como o BNG, presentaron aos Orzamentos Xerais do Estado 2015. No debate dos títulos e secións desta tarde, Davila defendeu o paquete de propostas fiscais do BNG así como a revalorización dos salarios dos empregados públicos e pensionistas.

Davila acusou ao Goberno de estender o “empobrecemento social”. “Este proxecto de orzamentos non contén ningunha medida destinada a mellorar o poder adquisitivo dos traballadores públicos. Mantéñense os recortes de salarios e a práctica conxelación das pensións. Non se precisa aportar moitos máis dados para facer ver que será moi difícil aumentar así o consumo interno”.

Explicou que o BNG plantexa a actualización das pensións conforme á evolución do IPC porque a suba do 0,25% “é na práctica unha conxelación coa que se pretende pasar factura da crise aos pensionistas cando non son culpábeis de creala”.

Na mesma liña, Davila pediu a eliminación das restricións á creación de emprego público. “Perante a delicada situación de desemprego, a creación de emprego público non se debe ralentizar, senón todo o contrario, debe ser un revulsivo para recuperar postos de traballo”. Nesa liña, o BNG propón elevar a 250 o número de prazas de xuices para a próxima convocatoria, 150 prazas máis das que se prevén nos Orzamentos.

Mellorar o financiamento autonómico e aos municipios para facer fronte ao gasto en sanidade, educación e servizos sociais

A portavoz do BNG defendeu as emendas do BNG destinadas a mellorar o financiamento aos municipios e ás CC.AA. Neste sentido, lembrou que son as CC.AA as que soportan o gasto de xestión de servizos públicos básicos como a sanidade, a educación ou os servizos sociais. “Por iso, plantexamos un novo suposto de revisión do Fondo de Suficiencia Global do vixente modelo de financiamento autonómico, de xeito que se dote de maior financiamento cando o réxime sexa orixinado en servizos básicos, evitando dese xeito ter que practicar drásticos recortes en servizos esenciais”.

Propostas fiscais: rematar cos abusos das SICAV e crear un imposto de grandes fortunas

Davila defendeu no pleno un sistema fiscal máis equitativo e xusto, máis progresivo e nesa liña enmarcou as propostas do BNG. “De aí que plantexemos maior progresividade no gravamen para as rendas de capital de xeito que se equiparen coas rendas de traballo”. “Queremos rematar cos abusos das SICAV, crear un imposto para as grandes fortunas e patrimonios