Davila sobre o Decreto de Segunda Oportunidade:"É decepcionante e chega moi tarde"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, cualificou o denominado Real Decreto-lei de Segunda Oportunidade de “decepcionante, non só porque as medidas chegan moi tarde senón porque son insuficientes e demostra a grande cantidade de erros que cometeu este Goberno coa cidadanía”.

A portavoz do BNG ironizou co nome do Decreto “de segunda oportunidade”, que “só asume o lema” pero non permite habilitar novas ocasións para reemprender a súa vida a persoas que padeceron os efectos da crise”.

“Seguimos agardando pola auténtica dación en pago”

En relación á dación en pago, a deputada do BNG criticou que “só se inclúa unha modificación mínima do Código de Boas Prácticas que segue a ser un Código que exclúe á maioría de afectados”. Davila demandou a Guindos “políticas valentes en materia de vivenda e que este Goberno nega”, en alusión á dación en pago con carácter retroactiva, a moratoria real dos desafiuzamentos e o aluguer social.

A deputada do BNG censurou o Real Decreto porque “continúa a lexislar contra os intereses da poboación” e reprochou que continúen a defender os intereses dos bancos “que a pesar de ter recibido axudas multimillonarias van a poder continuar practicando execucións hipotecarias”.

A banca continúa a gañar

Sobre a eliminación das abusivas taxas xudiciais, a deputada nacionalista considerou que chega tarde, aínda que “benvido sexa” e lembrou que o BNG se opuxo desde sempre ao “taxazo” que limita o acceso universal á xustiza.

Censurou as medidas relativas ás bonificacións sociais porque “insistir en bonificar cotizacións sociais, cando vemos que as empresas están aforrando moito en custes laborais debido á devaluación salarial, non parece a medida máis idónea e cargar gasto á Seguridade Social moito menos”.

Davila díxolle a Guindos que “o problema non son os custes laborais senón a necesidade de impulsar a economía produtiva, eido no que vostedes non se esforzaron nada”.

Tamén chega moi tarde a medida de incluír ás persoas físicas nos procesos concursais, “cando xa pasaron anos moi duros nos que a poboación endebedada non tivo mecanismos para aliviar a súa situación”. Ademáis, reprochou ao Ministro de Economía a falla de retroactividade da medida. “O que aprobaron no RD limítase a abrir a posibilidade de que as persoas físicas poidan acollerse a un procedemento concursal co fin de liquidar as débedas”. Pero que sempre beneficia á banca que mantén moitas marxes para actuar en relación ás débedas.