Davila critica ante Tejerina o "inxusto e discriminatorio reparto do xurelo e da xarda"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, aproveitou a primeira comparecencia da nova Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para criticar “o inxusto reparto de cotas do xurelo e da xarda” realizado polo Ministerio e que “tan graves consecuencias está a provocar na frota galega de cerco”.

A deputada do BNG censurou a actitude de pasiva e indiferente do Ministerio para co sector do cerco que se viu obrigado a recorrer á xustiza por unha distribución discriminatoria. “Coñecemos recentemente que a Audiencia Nacional acaba de admitir a trámite o recurso presentado polo cerco galego por un reparto inxusto e discriminatorio que está causando importantes problemas”.

Davila díxolle á Ministra que “desde o BNG non entendemos que o Ministerio permitise chegar a este punto”.

Descartes, a taxa do viño e sector lácteo

Tamén puxo enriba da mesa outra cuestión preocupante: o tema dos descartes. “Precisamos saber cal é a posición do Goberno sobre os descartes e a aplicación desta medida no futuro. Que medidas van defender ante a Comisión europea porque tal e como están as propostas serán moi dañinas para o sector pesqueiro”.

No capítulo adicado ao agro, Davila fixo unha mención especial ao sector vitivinícola co que onte compartiu unhas horas con membros do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. “Trasladámoslle a preocupación do sector do viño pola proposta que están a barallar de aplicar unha taxa ou imposto ao viño. Saberá que conta co total rexeitamento do sector porque suporá un varapao para as súas vendas”.

Davila preguntou a Tejerina “se van modificar as súas posicións sobre os programas de desenvolvemento rural. Están a aplicar criterios centralistas que fan que Galiza perda 300 millóns de euros, algo que consideramos totalmente inadmisible e lle pedimos que retome o tema e o revirtan”.

Por último, aludiu ao sector lácteo, un sector de grande importanza na Galiza. “Que medidas van adoptar pola aplicación dunha das medidas da PAC graves como é a eliminación das cotas no 2015? O sector produtivo galego fixo unha forte inversión en cotas e con esta medida non está garantido que recuperen o investimento realizado. Deben asegurar posibilidades de futuro para o lácteo”.