Davila critica a nova reforma da xustiza e advirte a Gallardón que "as soberbias se pagan"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu no Pleno a emenda á totalidade do BNG á nova reforma da xustiza de Gallardón porque “vai saturar aínda máis os Xulgados e os Tribunais”.

Davila advertiu ao Ministro de Xustiza que “non pode tramitar continuamente proxectos de lei con tanta soberbia, coa soberbia da súa maioría absoluta porque as soberbias se pagan, sobre todo en política”. A deputada do BNG reprochou a Gallardón que tramite leis neste ámbito de costas ás voces acreditadas: xuices, avogados, procuradores.

“Non ten en conta ao ámbito xudicial a pesar das súas movilizacións e protestas. Vosté non traballa en aras ao interese xeral, seguen cegos e xordos á realidade”, sinalou. Nese sentido lembrou as movilizacións de onte, día da folga xeral, “negan a realidade social das movilizacións” e viven “á marxe da realidade”.

“Van colapsar aínda máis a xustiza”

A deputada do BNG deixou clara a oposición do BNG ao proxecto de lei de medidas de eficiencia orzamentaria na Administración de Xustiza porque “non da solución aos verdadeiros problemas da Xustiza, senón que incluso os agrava debido a que o colapso actual neste ámbito se debe a ausencia de medios materiais e humanos”, tal e como o pón de manifesto o Consello de Europa no seu último informe oficial.

O Estado español atópase xunto con Turquía nos últimos postos en relación a medios materiais e número de Xuices e Fiscais por habitante, o que provoca que “teñamos a carga de traballo das máis altas de Europa”. O Estado español adica á Xustiza a metade do que se adica de media polos Estados da UE.

A deputada do BNG acusou ao Goberno de empiorar a situación da xustiza ao aumentar a carga de traballo dos xuices. Para Davila “esta reforma ocasionará unha grave merma da calidade da xustiza”.

En concreto, referiuse á reducción da intervención de xuices sustitutos a suposto verdadeiramente excepcionais e que ocasionará que na maioría dos casos non se poidan producir, afectando ao normal funcionamento dos órgaos xudiciais e incluso ao dereito da cidadanía á tutela xudicial, un dos piares fundamentais do Estado de Dereito”.

A parlamentar nacionalista afirmou que a saturación da xustiza se debe solucionar coa súa modernización e adecuada dotación de medios