Davila critica a Facenda por exixir elevados impostos a quen tivo que se acoller á dación en pago

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou hoxe unha iniciativa parlamentar e a solicitude de comparecencia do Secretario de Estado de Facenda polas “desorbitadas reclamacións de impostos a persoas que se viron obrigadas a se acoller á dación en pago por imposibilidades económicas”.

A deputada do BNG recolle os casos de persoas que debido a problemas económicos se tiveron que acoller á dación en pago e agora lles chegan reclamacións de abono de impostos por parte da Axencia Tributaria que nalgúns casos chega a 10.000 euros. Facenda alega que estas persoas incorreron nunha “ganancia patrimonial”, un argumento que Davila critica duramente.

En concreto, Davila fai alusión a varios casos rexistrados en Vigo e en Santiago de Compostela. Reprocha ao Goberno que exixa que ningún dos membros da unidade familiar obteña ingresos ou que a cota da hipoteca sexa superior ao 60% dos ingresos netos obtidos pola familia para quedaren exentos do pago de impostos.

Insensibilidade social dun Goberno que é “flexíbel cos grandes defraudadores”

Ademáis destas duras exixencias por parte do Goberno está outros dos problemas que reseña a deputada do BNG que “é a negativa da maioría dos bancos a asinar o código de boas prácticas que tamén lles evitaría pagar impostos como os sinalados”.

A parlamentar do BNG advirte que os casos de solicitudes de dación en pago van ir en aumento e este problema “tamén irá en aumento”. Lembra ao Goberno que os desafiuzamentos provocaron unha grande movilización social que foi o detonante para que o Goberno aprobase unha lei de medidas para reforzar a proteción hipotecaria, claramente insuficiente.

Davila sinala que o tema hipotecario, a imposibilidade de poder pagar unha hipoteca por falta de recursos económicos é “un drama social, e aproveitar un resquicio como a tributación para acorralar economicamente ás persoas que non tiveron máis remedio que se acoller á dación en pago, é verdadeiramente preocupante polo nivel de insensibilidade social que o Goberno demostra. O afán recadador non pode chegar as estes límites practicando a política do pao e a cenoria”, afirma.

A deputada do BNG dirixe ao Goberno unha batería de preguntas e lle demanda que rectifique e flexibilice a súa postura.