Davila celebra que "por fin" se impute á infanta Cristina e a xustiza sexa igual para tod@s

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, celebrou que “por fin se procedese á imputación da filla do Xefe de Estado, a Infanta Cristina, algo que se tiña que ter feito meses atrás”.

Todos iguais ante a lei

A deputada do BNG sinala que “por fin se cumpre tamén aquela máxima, enfatizada polo Xefe do Estado na súa mensaxe de Nadal de hai dous anos, de que a xustiza é igual para todos e para todas, aínda que debemos lamentar que tardase tanto en se manifestar”.

Para Davila “está claro que a Infanta Cristina ten que aclarar a súa relación coa trama de corrupción presuntamente dirixida polo seu consorte, Iñaki Urdangaría, e o ex socio, Diego Torres. E tal e como dí o auto do xuiz Castro a filla do rei podería ser “cooperadora necesaria” nos delitos relacionados co caso Noós”.

Por iso, “é de celebrar que por fin sexa imputada e compareza ante a xustiza o vindeiro 27 de abril como calquer cidadán”. Nese sentido, a deputada do BNG critica a posición da Fiscalía que “durante todo este tempo non fixo o seu traballo porque en lugar de contribuir ao esclarecemento dos feitos, a verter luz e a perseguer posíbeis feitos delictivos, adicouse a protexer á Casa Real”.