Davila: "O balanzo do ano de Rajoy é nefasto e destrutivo"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, realizou hoxe un balanzo do ano no que o PP acadou a maioría absoluta e sinalou que “o balanzo non pode ser máis nefasto e destructivo”.

Davila criticou as políticas adoptadas por Rajoy neste ano de Goberno no que “gobernou a golpe de Real Decreto Lei. Con decisións e medidas moi duras para os traballadores e traballadoras, para os empregados públicos, para o sistema educativo e sanitario, para as persoas maiores, para os estudantes ou o ámbito xudicial. Non se salvou case ninguén da onda destructura do PP, unicamente a banca”.

“Non pasou o pior por moito que Rajoy o diga: 6 millóns de parados”

A portavoz do BNG afirmou que “todas as decisións adoptadas polo PP só conseguiron aumentar o paro, empiorar a crise, incrementar os índices de probeza, o drama social e humano, e á vista dos Orzamentos para o 2013, temos claro que a situación non se vai mellorar por moito que Rajoy diga que “o pior xa pasou”. Preguntámonos se se refire aos máis de 6 millóns de parados que haberá para o 2013”.

Medidas que golpearon á xente. A banca inmune

Olaia Fernández Davila fixo repaso dalgunhas das medidas adoptadas polo PP como a “dura reforma laboral que precarizou o traballo, xornadas de máis horas a cambio de salarios máis baixos, ERE´s que se tramitan á velocidade de cruceiro e sen moitas cortapisas. O Goberno de Rajoy introduciu o copago farmacéutico e restriccións no acceso universal á sanidade. O Goberno de Rajoy aniquilou a Lei de Dependencia e recortou servizos sociais cando medrou nun 40% os usuarios destes servizos. O Goberno de Rajoy aumentou de maneira importante o IVE castigando así o consumo e tamén a moitas pequenas e medianas empresas que teñen que pechar”.

“O Goberno de Rajoy golpeou a educación pública reducindo as bolsas ao estudantado, reducindo profesorado. Rebaixou os salarios dos empregados públicos e aínda non aclarou se vai revalorizar as pensións”, enfatizou a deputada do BNG.

Aprobou medidas moi duras para a xente en educación, sanidade, emprego, na xustiza, en dependencia, ou o IVE. Pero non tocou a banca

Davila lamentou que o PP “non tivera en conta propostas como as do BNG de levar a cabo unha reforma fiscal integral pagando máis os que máis teñen e lograr así incrementar os ingresos. Lamentamos que non decidise apostar polo cambio de modelo con máis investimentos en I+D+I, máis investimento en sectores produtivos e sociais que crearían emprego”.

A parlamentar nacionalista sinalou que “Rajoy en lugar de mellorar a vida da xente, adicouse a defender os intereses da banca e aplicar escrupulosamente as ordes de Merkel e a Troika. O balanzo é pésimo e instamos ao Presidente do Goberno a escoitar o clamor social e cambiar de rumbo para apostar por políticas que favorezan o crecemento, reduzan o paro e afortalen o Estado de Benestar”.