Davila amosa a solidariedade co sector lácteo e rexistra outra iniciativa para pedir medidas

A deputada do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, amosou hoxe a solidariedade do BNG co sector agro gandeiro galego que hoxe iniciou unha folga de entrega de leite debido á desesperada situación que están a padecer.

A deputada do BNG lembrou as numerosas iniciativas rexistradas polo BNG en defensa do sector lácteo galego e o “pasotismo do Goberno central e da Xunta que nada fixeron por axudar a un sector de enorme importanza para Galiza”. Davila puxo de manifesto que “levan moito tempo denunciando a discriminación que sofren por recebir os prezos do leite en orixe máis baixos do Estado”.

Davila voltou rexistrar unha iniciativa parlamentar do BNG para demandar ao Goberno medidas imediatas que “paren a caída libre na que está inmersa o sector lácteo”.

37 millóns para programas agrarios “e nada para o sector lácteo”

Sen ir máis lonxe, a deputada do BNG subliñou que recentemente o Consello de Ministros aprobou unha partida de case 37 millóns de euros para as CC.AA. Recursos destinados a programas de agricultura, gandeiría, alimentación e pesca, “máis de novo esqueceron ao sector lácteo. Chamounos a atención que non se destinase nengún tipo de axuda ao sector lácteo cando está atravesando por unha das piores crises que se recordan”.

Davila pón de manifesto que “a situación do sector agro-gandeiro galego resulta xa insostíbel. Os últimos dados de desaparición de explotacións gandeiras e de perda de postos de traballo, son cada vez máis alarmantes. Nos últimos dous anos, o medio rural galego perdeu máis de 10.000 postos de traballo e se non se procuran solucións urxentes as máis de 3.000 explotacións de leite que están ao borde da suspensión de pagos, poderían perderse outros 10.000 traballos para o vindeiro ano”

A deputada do BNG pide a Cañete medidas urxentes para un sector que recibe o prezo do leite en orixe máis baixo de todo o estado, cunha diferenza do 5,5% por debaixo do prezo medio. “A situación do sector lácteo galego é de extrema gravedade. Por iso non entendemos como o Ministerio pasa de todo e non destina nen un euro dos 37 millóns aprobados hai pouco”.

Davila lembra que o BNG plantexou nos Orzamentos Xerais do Estado 2013 a necesidade de aprobar un Fondo Lácteo “pero o Goberno parece pouco sensibilizado”.