A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, sinalou esta tarde en relación ao Real Decreto Lei con medidas en relación aos desafiuzamentos, unha auténtica tomadura de pelo porque deixa os aspeitos máis importantes sen resolver.
O Goberno aprobou hoxe no Consello de Ministros o Real Decreto Lei de medidas urxentes para reforzar a protección aos debedores hipotecarios.
Para Davila é a demostración da falla de vontade do Goberno de Rajoy por afrontar de xeito valente, con decisión e firmeza un drama social que está a provocar mortes e que cada día que pasa aumenta as súa dimensións. Cada vez hai máis casos.
A deputada do BNG salienta que o Goberno volta a incidir no mesmo erro do Código de Boas Prácticas e volta a deixar sen resolver as cuestións fundamentais: non modifica a Lei Hipotecaria, non contempla a dación en pago, non se tocan os intereses de demora nen toca o valor de tasación, e por riba, non ten carácter retroactivo co cal fican fóra moitas familias e moitos casos que estamos a coñecer en tempo real.
Sorteando a banca
A parlamentar nacionalista reprocha ao Goberno que máis unha vez tome o camiño do medio para non se enfrontar á banca e agochar a cabeza ante os intereses financeiros. De novo volta a escoller a banca por riba da xente máis vulnerábel, e outra vez demostra que non ten ningunha intención de solucionar de raíz este grave problema social.
Davila indicou que como únicos aspeitos positivos podemos contar o tema da moratoria de dous anos para os máis vulnerábeis, pero aínda así demasiado ríxido nos criterios, e a cuestión da creación dun Parque de Vivendas en aluguer para desahuciados, algo que levamos demandando desde hai tres anos.