Davila acusa ao PP "de querer condenar ás mulleres á inseguridade sanitaria" coa reforma do aborto
Qué lamentábel señorías do PP. Preséntannos unha proposta coa que pretenden contentar a unha minoría minoritaria do seu eleitorado e do seu partido, pero non lles doe lexislar contra unha grande maioría social. Non lles doe lexislar incluso contra natura porque esta proposta non resposta a ningunha demanda nin a ningunha necesidade, afirmou na súa intervención perante a Cámara.
Non existe o problema, invéntano
A deputada do BNG indignouse coa intervención da deputada do PP e subliñou que a alarma social da que falan polo feito de que unha menor poida abortar é a alarma que vostedes crean mintindo. Vostedes minten, minten cando din que a lei permite abortar sen coñecemento dos pais. Vostede mesmo tivo que recoñecer esta tarde aquí que o artigo 13.4 da lei inclúe cautelas para as menores que deciden interrumpir o seu embarazo.
Aludiu ás cifras para sinalar que aproximadamente o 90% das menores que abortaron ao amparo da lei acudiron ás clínicas acompañados polos seus proxenitores. O 10% restante xustificou debidamente a súa ausencia, con casos por desestructuración familiar, violencia, violación paterna con consecuencia de embarazo.
Voltará a inseguridade sanitaria
Reprochou ao Goberno do PP de querer condenar a unha absoluta inseguridade sanitaria, que lles pode costar incluso a vida, a este pequeno grupo de mulleres que agora está debidamente protexido. Non é demagoxia o que dicimos, porque de se aprobar esta reforma voltaremos ao aborto clandestino na pior das condicións. O que cualificou de auténtica crueldade e inxustiza.
A deputada do BNG rematou enfatizando que non conten co BNG para isto, opoñémonos a esta inxustiza.