Davila acusa ao PP de "actuar contra a democracia cunha reforma do TC anti democrática"
A sesión plenaria debate a toma en consideración da Proposición de Lei do PP de reforma do Tribunal Constitucional para a execución das resolucións do TC como garantía do Estado de Dereito, iniciada a toda presa polo PP con motivo das elecións catalanas.
Davila criticou ao PP por facer unha reforma exprés da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional, presentada en período de prórroga desta lexislatura, que denota o uso partidista de institucións do estado polo PP. Para a deputada do BNG non pode falarse dun Estado de Dereito en sentido estrito, cando o dereito promúlgase de xeito coxuntural e para penalizar ao inimigo.
Máis propio de estados totalitarios e non democráticos facer un ordenamento xurídico ad hoc
Davila reprochou ao PP que serán normas aprobadas que teñen virtualidade legal, pero non están fundadas no ideal de xustiza e equidade. É máis propio de estados totalitarios e non democráticos facer un ordenamento xurídico ad hoc e parapetarse nel para combater a disidencia política. Censurou ao PP por unha medida urdida con fins eleitorais.
A portavoz do BNG cuestionou o papel imparcial do TC á hora de dictaminar sbore aspeitos territoriais. A súa función foi deturpada até un punto de non retorno polo papel de executor punitivo gubernamental que asumiu no proceso catalán.
Criticou Davila ao PP porque esta reforma pón de manifesto a que Estado de Dereito apela o PP e acusouno de modelalo en función dos seus intereses, que ademáis sirva para soterrar o debate político en estruturas xurisdicionais controladas desde o propio PP. Nesa liña lembrou que a maioría dos seus representantes actuais foron propostos polo PP.
Olaia Fernández Davila sinalou que este debate pón de manifesto o pesado lastre da intolerancia que lle custa soltar á dereita española, incapaz sequera de debater através de canles políticas e someter á vontade democrática do pobo catalán un dilema claramente político, como é o seu encaixe e relación co estado español.
A deputada nacionalista deixou claro que o BNG non dará o seu apoio a esta deriva involucionista e antidemocrática.