Davila acusa ao Goberno de querer modificar as pensións "ós para potenciar os plans privados"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse ao Secretario de Estado de Seguridade Social na súa comparecencia no Congreso para acusar ao Goberno de querer modificar outra vez as pensións “para reducir dereitos e potenciar os plans de pensións privados”.

“Queren modificar unha lei que xa foi modificada no 2011 e que aínda se aplicou hai tres meses. Por qué unha nova modificación?”, inqueriu Davila a Tomás Burgos quen compareceu na Comisión de Seguimento do Pacto de Toledo.

Davila amosou a preocupación do BNG polo anunciado pola Ministra de Traballo, de modificar cunha tramitación de urxencia a Lei de Seguridade Social, as pensións, en base ao denominado factor de sostenibilidade. “Constituiron un Comité de Expertos que xa se está reunindo e fixo un primeiro documento. Temos que dicer que non nos gusta o que se dí aí”.

Demandou ao Goberno que calquer modificación ou cambio pase pola Comisión do Pacto de Toledo porque a Ministra dixo que “ás alturas do mes de xuño xa habería un proxecto de lei. Debe tratarse aquí”. “Queren reformar as pensións en aras ao factor de sostenibilidade, como se fixo coa lei anterior, cando vosté mesmo recoñeceu aquí que a lei se cambiou utilizando uns criterios de proxeción de esperanza de vida equivocados, rectificados logo nun 7% nada máis e nada menos”.

A deputada do BNG insistiu ao Secretario de Estado a conto de que se plantexan unha nova modificación das pensións. “Qué pretende o Goberno cun novo debate sobre a sostenibilidade do sistema? Para qué? Direillo, é para reducir os dereitos e potenciar os plans privados de pensións”.

Gobernar a golpe de decreto e non a base de consensos

Ademáis, reprochou ao Goberno ter aprobado o Decreto sobre as xubilacións anticipadas sen consultar antes á Comisión do Pacto de Toledo. “Pedímoslle que esta Comisión se teña en conta máis alá de vir aquí a dar información. Deberían consultar antes as decisións que adoptan sobre as pensións como aconteceu co decreto de prexubilacións no que reduciron as prestacións e os dereitos de acceso ás pensións”.

No relacionado co Fondo de Garantía, Davila sinalou que “ao BNG lle preocupa que se use o Fondo máis alá do previsto na lei. O Fondo está para ser utilizado pero sempre coa máxima racionalidade”.