Dani Pérez acusa ao PP de “racanear” co máis importante deixando sen a atención que precisa ao alumnado con necesidades especiais do CPI Cabo da Area de Laxe
O deputado do BNG reclamou ao conselleiro de Educación que escoite ás familias e dote ao centro de máis persoal para a atención á diversidade
O deputado do BNG da comarca de Bergantiños, Dani Pérez, acusou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, de “racanear co máis importante” ao deixar sen a atención que precisan aos nenos e nenas con necesidades educativas específicas do CPI Cabo da Area de Laxe. “Fallan vostedes, precisamente, na atención aos que máis o precisan”, sinalou o deputado nacionalista tras escoitar a “decepcionante” resposta do conselleiro que, lamentou, nin admitiu as carencias de persoal no centro nin atendeu á reclamación de dotar o centro, polo menos, dun docente especialista en Audición e Linguaxe.
Dani Pérez expuxo dende o seu escano no hemiciclo algúns dos casos que evidencian as deficiencias na atención á diversidade no Cabo da Area, nenos con dislexia acreditada, con trastorno espectro autista, con problemas graves de visión, ou con discapacidade do 33% ou máis.
“De verdade vai dicir que non é necesario, como mínimo, contar cun especialista de Audición e Linguaxe a tempo completo no centro?, preguntouse o deputado do BNG, cuxa intervención seguiron dende a tribuna de convidados da sala de plenos algunhas das familias que reclaman máis especialistas para atender aos seus fillos e fillas con necesidades educativas especiais. Familias que, dixo Dani Pérez, “non renuncian a loitar polo futuro dos seus fillos”.
Durante a súa intervención, o deputado do BNG da comarca expuxo que xa no curso pasado o 20 % do alumnado do centro educativo de Laxe tiña necesidades específicas de apoio educativo, recoñecidas con diagnósticos procedentes de especialistas da sanidade pública, con derivacións específicas de atención temperá ou diversos graos de discapacidade recoñecidos.
Xunto cos novos alumnos con necesidades específicas previstos para este curso, explicou, foron contabilizados polo equipo de orientación do centro e comunicados os casos á consellería entre marzo e abril. “Polo que o mínimo é que vostede, como máximo responsable da Consellería, lle explique ás nais e pais de Laxe por que non se lles asignou ningún docente especialista en Audición e Linguaxe para este curso e estas crianzas levan case quince días sen a atención á que teñen dereito”, afirmou.
O deputado subliñou, neste sentido, o “difícil que é de entender” que en cursos pasados, con menos alumnado con necesidades especiais no centro, este tivese, cando menos, un profesor compartido de Audición e Linguaxe.
Dani Pérez lamentou que o conselleiro non amosase o “máis mínimo respecto” as familias presentes no hemiciclo para seguir o debate e lamentou que, casos similares ao de Cabo da Area de Laxe se estendan ao longo de toda Galiza, “unha constatación de que, a tan repetida por vostede a normalidade do comezo de curso non é tal”.
“Todos estes casos “illados”, que se contan por ducias e ducias por todo o país, constitúen o auténtico ritual de lo habitual para centos de familias con crianzas con necesidades específicas de apoio educativo”, reprobou Dani Pérez ao conselleiro, lembrándolle o dereito por lei de todos os nenos e nenas con necesidades específicas a ter unha educación de calidade.