Senado

Da Silva sinalaralle a Puente: “O momento de impulsar as infraestruturas ferroviarias e viarias na Galiza é agora”

Carme da Silva

Carme da Silva entende que esta etapa debe ser a de “rematar co déficit que sofre a Galiza” e demandará a implicación total do Ministerio de Transportes

Implantación do servizo ferroviario de proximidade, aumento das frecuencias con horarios adaptados á realidade galega, unha política tarifaria atractiva e asumíbel: entre as cuestións ferroviarias

Executar o plan integral de mellora da rede viaria, aplicar as bonificacións na AP-53 e declarar nula a prórroga da AP-9 e axilizar a súa transferencia á Galiza: entre as viarias

Demandará a non implantación das peaxes nas autovías despois de coñecer que a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción: “O Goberno non pode ceder”

Durante a comparecencia do Ministro de Transportes na cámara alta, a senadora do BNG, Carme da Silva, demandará o compromiso do actual executivo para rematar co déficit que sofre a Galiza en materia de infraestruturas. Da Silva aproveitará a ocasión para lembrar os compromisos adquiridos polo Goberno, tales como a implantación do servizo ferroviario de proximidade, a modernización das liñas ou conexións pendentes como rematar co illamento que sofre Lugo. Do mesmo xeito, a senadora do BNG convidará ao Ministro a escoitar a vontade popular da Galiza que demanda, a través dos acordos unánimes do Parlamento de Galiza, a transferencia da Autoestrada do Atlántico e declarar nula a última prórroga despois de que a Comisión Europea observase incumprimentos.

“Os sucesivos gobernos do Estado esqueceron durante moito tempo as infraestruturas que para a Galiza son estratéxicas” comezará a senadora do BNG durante a comparecencia do Ministro. De facto, lembrará, só a través dos acordos de investidura conseguidos polo BNG se comezou a corrixir este déficit mais sinalará que “aínda quedan moitas cuestións por solucionar e mesmo impulsar. Carme da Silva entende que “o momento de impulsar as infraestruturas ferroviarias e viarias é agora” polo que solicitará a máxima implicación da carteira competente, así como do Ministro que a ostenta, para desenvolver os compromisos recollidos no Acordo de Investidura e na Axenda Galega.

Nin perder o tren nin que o tren chegue tarde

Avarías, fallos, incidencias, cancelacións e múltiples retrasos –incluídos os dos novos AVRIL nos seus primeiros días funcionando- son recorrentes nos servizos do Eixo Atlántico, nos de Media Distancia, nos do ancho métrico e incluso nos AVANT. “Prioritario é solucionar estes problemas, a través da posta en marcha do Plan de mellora da puntualidade, así como prioritaria é a consecución dun servizo ferroviario de calidade –que conecte as principais cidades e vilas da Galiza con horarios adaptados á realidade- cunha política tarifaria asumíbel e atractiva para as clases populares” afirmará a senadora nacionalista.

“Sabe que pensamos na Galiza cando os medios nos bombardean coas noticias de incidencias e fallos nos Cercanías de Madrid ou nos Rodalíes de Catalunya? Pois que esa infraestrutura, a pesar do tempo que leva implantada neses territorios e noutros cunha masa crítica semellante á da Galiza, non a temos. É imprescindíbel que o Ministerio cumpra o seu compromiso e comece a tramitación para implantar o servizo ferroviario de proximidade na Galiza. O primeiro paso, xa llo digo eu: iniciar xa os trámites para o estudo correspondente” reivindicará Carme da Silva.

Infraestruturas estratéxicas para a Galiza

Ademais de mellorar os servizos existentes e de amplialos, a organización nacionalista demandará o compromiso de Puente para impulsar un conxunto de instalacións “estratéxicas para o desenvolvemento social, económico e industrial da Galiza”. O impulso, por exemplo, da construción da saída sur de Vigo, imprescindíbel para axilizar a conexión de alta velocidade Vigo-Porto –a través de concreción, compromiso orzamentario e prazos temporais definidos-, en detrimento “do modelo mesetario que o único que pretende é conectar todo con Madrid”.

Relativo ao Plan Director do Corredor Atlántico, a senadora do BNG pedirá ao Ministro que aclare as dúbidas que están xurdindo despois da súa presentación na Coruña o pasado 16 de maio: a constitución do grupo de traballo e quen estará nel, a exclusión desde Seixalbo até a estación de Ourense da variante exterior, ou non incluír a A-76 Ourense-Ponferrada importante para as mercadorías.

Mellorar a seguridade viaria na Galiza e aplicar as bonificacións acordadas

No plano viario, ademais de conseguir conectar Lugo coa capital galega rematando a A-54, a frente nacionalista pedirá o impulso das obras para a mellora da seguranza viaria a través do plan de actuacións urxentes na rede viaria galega acordado co BNG. “Aplicar xa as novas bonificacións tamén pactadas nas peaxes da AP-9 e AP-53 porque existen fondos e mecanismos para poder facelo” destacará a senadora.

Sobre a AP-9, Carme da Silva avanzará a posición do BNG: “cremos que é o momento de dar por rematada a concesión, recuperando a xestión pública e transferíndoa á Galiza”.

En contra da implantación das peaxes e a apertura de expedientes

A Comisión Europea ven de abrir un procedemento de infracción ao Estado español por non ter implantado peaxes nas autovías da súa titularidade e da agora dous meses de prazo para responder á carta de emprazamento. “O Goberno non pode ceder ante as presións da Unión Europea porque, de facelo, levará ao estabelecemento dunha sociedade a dúas velocidades, habendo territorios como a Galiza que sairían máis prexudicados posto que non conta con alternativas de transporte público como un servizo ferroviario digno e de calidade” subliña da Silva.