Si da Eurocámara á dación en pago, pese ao voto en contra do PP
O BNG votou a favor do informe aprobado hoxe polo Parlamento Europeo que propón a dación en pago e que solicita aos Estados membros alternativas aos desafiuzamentos. Esta iniciativa contou 318 votos a favor, e con 216 votos en contra, incluídos o de todos os eurodeputad@s do PP español.
A iniciativa solicita á Comisión Europea que, como Executivo comunitario, adopte as medidas necesarias para que a normativa europea sobre hipotecas incorpore as prácticas que sexan máis favorables aos consumidores, incluíndo especificamente a inclusión de procesos de renegociación de débeda ou a dación en pago para as familias en situación de quebra.
É un novo respaldo do Parlamento Europeo aos cidadáns que sofren ou que loitan contra as consecuencias dunha lei hipotecaria que xa ten sido cualificada de abusiva polo Tribunal de Xustiza da UE, e ven dar a razón aos que defendemos que o dereito a unha vivenda non pode ser papel mollado e que hai que ofrecer alternativas ao drama dos desafiuzamentos, explica a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda.
O informe aprobado pola Eurocámara reclama aos Estados membros que impidan que as familias desafiuzadas teñan que seguir pagando o crédito hipotecario, e pide expresamente, tanto aos Gobernos estatais como á Comisión, -en calidade de Goberno da UE-, que aborden o drama social dos desafiuzamentos e a perda de vivenda para as persoas máis afectadas pola crise e polo desemprego.
Hai que ter en conta ademais, como tamén se indica no informe aprobado hoxe, que este drama social se produce nun contexto de grandes axudas públicas destinadas a sanear a banca, no caso de 5.400 millóns de euros só para NovaGalicia Banco por citar un exemplo, explica Miranda. Dar unha alternativa aos desafiuzamento é un imperativo moral que o Goberno español debería plasmar en lei, conclúe a eurodeputada, tras salientar que a dación en pago é tamén unha das principais demandas da Plataforma de Afectados polo Hipoteca, recentemente galardonada co premio Cidadán Europeo 2013.