Culleredo perdoaralle o IBI a Novagalicia Banco se troca hipotecas por alugueres sociais

Reunión da Comisión de Desafiuzamentos. No centro Raquel Jabares. Foto: Patricia G. Fraga

O Concello de Culleredo, cogobernado polo BNG, está disposto a eximir do pagamento do IBI (Imposto de Bens Inmuebles) a Novagalicia Banco, se a entidade financeira muda as hipotecas, que contraeron persoas que non poden facerlles fronte, por alugueres sociais e convértese en propietario ao aceptar a dación en pago.

Esta é unha das propostas formuladas onte pola comisión municipal de desafiuzamentos, impulsada co apoio do BNG dende o Concello, que mantivo unha reunión con varios responsábeis territorais de Novagalicia Banco para suscitarlles a necesidade de mellorar as condicións dos veciños do municipio.

A reunión tivo lugar no departamento municipal de Servizos Sociais, situado no Burgo, e estivo presidida pola primeira tenente de alcalde e edil do BNG, Raquel Jabares, á que acompañaron membros de Adicae.

Outras propostas suscitadas pola comisión de desafiuzamentos foron a eliminación das comisións de mantemento das contas para os usuarios que perciban a Risga ou de pensións non contributivas.

Tamén se suscitou a eliminación da taxa de tres euros que a entidade financeira cobra aos veciños por solicitaren os movementos bancarios dos últimos seis meses. Unha documentación que se require para tramitar as axudas para persoas en situación de urxencia social que concede o Concello cullerdense.

A mencionada comisión tamén quere que NGB aprace os recibos das persoas que perciben subsidios de desemprego. Os recibos adoitan chegar antes que os ingresos do Instituto Nacional de Emprego (INEM).