Cristina Fernández e Diego Lourenzo toman posesión como novos deputados do BNG
Os novos deputados do BNG, Cristina Fernández Davila e Diego Lourenzo Moura, tomaron hoxe posesión do seu escano na Cámara galega. Ámbolos dous prestaron promesa do seu novo cargo como parlamentarios.
Cristina Fernández Davila substitúe como deputada pola provincia de Pontevedra a Manuel Lourenzo Sobral, alcalde de Soutomaior.
Diego Lourenzo Moura, pola súa banda, será o novo parlamentario pola provincia de Ourense, posto no que releva a María González Albert, rexedora da Rúa tras os comicios celebrados o pasado 28 de maio.
Cristina Fernández Davila é técnica especialista en Informática de Xestión, e chega ao Pazo do Hórreo despois dunha dilatada traxectoria na política municipal. No 2012 foi elixida concelleira do BNG no Concello de Ponteareas, onde no 2015 asumiu a segunda tenencia de alcaldía e a concellaría de Ensino, Participación Cidadá e Réxime Interior. Logo das eleccións de maio de 2019, fíxose cargo da primeira tenencia de alcaldía, así como das concellarías de Ensino, Eventos, Saúde e Consumo. Foi alcaldesa de Ponteareas entre 2021 e 2023.
Diego Lourenzo Moura é técnico superior de Administración e Finanzas. Chega tamén ao Parlamento galego dende a política municipal, tras desenvolver a súa actividade como concelleiro do BNG en Verín entre os anos 2011 e 2015. Nos comicios de 2015 foi cabeza de lista neste concello e formou no goberno municipal como primeiro tenente de alcalde e portavoz do Goberno do Concello, cargos que revalidou nas citas electorais de 2019 e 2023.