Contra a corrupción: Auditar os fondos de formación e as privatización da etapa Feijóo

O portavoz nacional, Xavier Vence, e a portavoz de Sanidade, Montse Prado, denunciaron que a Consellería de Traballo e Benestar Social segue a conceder contratos a “chiringuitos” vinculados a cargos do PP. O último, a xestión da Residencia Valle Inclán en Vilanova de Arousa por cinco millóns de euros a Euroconsultores Socio Sanitarios S.L, pese a carecer de traballadores dados de alta na Seguridade Social e de instalacións coñecidas.

De Viajes Silgar S.L. a Nurtime S.L e desta empresa a Euroconsultores Socio Sanitarios S.L, tres firmas diferentes pero que comparten administradores: Francisco Janeiro,  José Jaime Cosio, ex director xeral de Formación e Emprego, e Francisco Jesús Gallegos, ex director xeral de Comercio e Consumo na Xunta do PP.

Este entramado está sendo investigado polo Xulgado número 3 de Santiago de Compostela, tras unha denuncia da CIG, e figuran persoas implicadas na Operación Zeta, polo que o BNG demanda a revogación inmediata da concesión.

“É falso o relato que nos quere vender desde a Consellería de Beatriz Mato de que os controles funcionan e de que trasladan as irregularidades á Fiscalía. Estamos ante un novo exemplo de que non é así”, denuncia Prado.

“A relación da Consellería de Traballo con este trama é obscena”, denunciou Vence, quen instou a Feijóo a cesar a Mato, “depurar” responsabilidades nese departamento e explicar en sede parlamentaria “o papel do seu amigo o conseguidor Pachi Lucas”.

Fraude sistemático

O BNG considera imprescindible mudar ás causas estruturais que están detrás destas prácticas fraudulentas na xestión dos fondos de formación e de servizos socias, que non é outra que “a política de privatización sistemática” do PP, subliña Vence, e demanda unha auditoría tanto das consecuencias desa estratexia de privatización como do uso dos fondos, -358 millóns de euros-, procedentes do Fondo Social Europeo desde que Goberna Feijóo.