A Convención lanza o BNG como motor do cambio

Máis de 2.000 persoas fixeron pequeno o Palacio de Congresos esta mañá en Santiago de Compostela nunha Convención Nacional en que a militancia do BNG aclamou ao seu candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera.

A Convención, afirmou Jorquera na súa vibrante e emotiva intervención, relanza o proxecto do BNG “para liderar a alternativa ao PP”. “Desta Convención sae un BNG plural e diverso, pero tamén máis forte e máis unido”.

Un BNG que, enfatizou, “vai ser o motor do cambio, un cambio que queremos construír co pobo, formando un bloque coa sociedade galega”.

Para o candidato nacionalista, a sociedade galega xa quere o cambio político, logo de se verificar como fracasadas as políticas de Feijóo ao frente do Goberno galego. “Galiza necesita un cambio. A sociedade galega quere un cambio. E o BNG é a garantía dese cambio”.

Jorquera fixo un discurso de goberno, esbozando as liñas básicas que despregaría un Goberno nacionalista.

“Sabemos das limitacións do actual marco, pero tamén sabemos que en absoluto é indiferente quen goberne e que hai espazo para facer políticas distintas, alternativas e mellores”, razonou.

Os peares sobre os que o BNG alicerzará a súa alternativa son Soberanía, Democracia e Traballo.

“Galiza necesita un goberno que teña o País na cabeza e no corazón. Galiza necesita un Goberno cercano, identificado cos problemas da xente”, dixo Jorquera. Ese goberno só o pode liderar o BNG porque desde que estourou a crise ficou ben claro que a única formación que verdadeiramente defende un programa alternativo ao neoliberal é o BNG.

Foi o BNG quen desde o principio puxo sobre a mesa outras alternativas. Non fomos nós os que abrimos o camiño aos recortes do PP”, alegou.

“TEMOS CLARAS AS PRIORIDADES”

Un Goberno do BNG tería claras as prioridades. E especificounas: “Afortalar os servizos públicos e as políticas sociais. Impulsar a economía produtiva para criar emprego. Defender o autogoberno para facer posíbel o progreso e o benestar social”.

“Desde o Goberno queremos dar pasos para facer realidade un novo marco político”, salientou, un marco que se concretice na conquista da soberanía para Galiza porque no noso país sen soberanía non é posíbel avanzarmos cara á Democracia real.

UN PROGRAMA DE REFORMAS INSTITUCIONAIS

Avanzou Jorquera un ambicioso programa de reformas institucionais que o BNG impulsaría desde o Executivo:

-Defensa, desenvolvimento e exercicio pleno das actuais competencias.

-Participación directa de Galiza en Europa en todos os asuntos que afecten as súas competencias ou intereses vitais.

-Supresión da Administración periférica do Estado, das delegacións e subdelegacións de Goberno, de xeito que a Administración galega actúe como a Administración única no seu territorio.

-Supresión das Deputacións provinciais.

-A reforma dos meios de comunicación públicos -a TVG e a RG- para que sexan verdadeiramente públicos e non gobernamentais.

-A criación dunha Banca Pública Galega.

E, por último, substitución do actual sistema de financiamento por un modelo de concerto económico que asegure a plena autonomía fiscal de Galiza.

O FRACASO DE FEIJÓO

Jorquera aludiu tamén á xestión fracasada de Feijóo durante estes 3 últimos anos.

“Cando Feijóo chegou a presidente a economía galega medraba ao ano un ponto e medio máis que a economía española. Agora decrece o duplo que a estatal”, resumiu. A taxa de paro en 2009 estaba no 12, agora no 20. “Nunca na historia en Galiza houbo tantas persoas sen traballo”, salientou.

E que dicermos da débeda. Feijóo herdou unha débeda galega por valor de 3.200ME. “Agora, o campión da austeridade”, ironizou Jorquera, “tena situada nos 7700ME”.

E non remata aí a cousa. “Cando chegou Feijóo Galiza tiña institucións financeiras, agora o noso sistema financeiro está en liquidación”, esclareceu.

Tan desastroso balanzo fai que a maioría social queira xa o cambio, un cambio real que só o BNG pode liderar, concluíu o candidato nacionalista.

Jorquera foi apresentado a un auditorio que foi enormemente participativo durante toda a Convención -aplaudindo, ovacionando, cantando, emocionándose, enarborando as bandeiras do Bloque- polo portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

O líder do BNG afirmou que a Convención ía mostrar o apoio incondicional de todo o Bloque a Jorquera como candidato. Jorquera ten todo aquilo do que carece Feijóo, veu dicer Guillerme, compromiso co país, valores e solvencia.

“Quero desde aquí dar a benvida ás novas e aos novos afiliados do BNG”

Ante as 2.000 persoas postas en pé, Guillerme afirmou “que aquí estamos, aquí está o BNG”, unha frase que deu paso a unha atronadora ovación. O portavoz nacional explicou que minutos antes do comezo do acto estivo a falar cunha persoa que se estreaba na Convención nun acto do BNG. “Quero desde aquí dar a benvida ás novas e aos novos afiliados do BNG”, dixo e a xente prorrompeu nun longuísimo aplauso.

A Convención deu voz ás e aos afectados polas preferentes, ao Bloque social que defende o País, a sanidade, o ensino, o medio ambiente, o traballo

“Aspiramos a fundirnos co pobo para formarmos un Bloque social en defensa do País”, anunciou Guillerme quen a seguir gabou apaixonadamente a Galiza, “esta nosa amada nación mil veces negada, mil veces traizoada, pero non vencida”.

Guillerme chamou ao pobo galego a “voar libremente” para tomar distancia dunha España que tildou de “Estado con caspa e pandereta”.

Fala o Bloque social!

A Convención -presentada por unha sempre animosa e enxeñosa Isabel Risco (que foi trending topic na rede social twitter!!)- constou, alén dos discusos de Guillerme e Jorquera, de 13 intervencións máis.

Máis de 2.000 persoas fixeron pequeno o Palacio de Congresos e aclamaron a Jorquera como candidato.

Nelas expresouse tamén o que Guillerme chamou o Bloque social. Así tomaron a palabra Luciano Vilar, da Plataforma de afectados polas participacións preferentes do Morrazo; Mónica Fernández, da ANPA de Barbadás; María Seixo, da plataforma en defensa da sanidade pública de Galiza; Mar Vila, da Plataforma contra a incineradora do Irixo e Dores Martínez, sindicalista da CIG.

Canda eles dirixíronse ao auditorio Miguel Lores, membro da Executiva Nacional e alcalde de Pontevedra; Ana Miranda, eurodeputada; Rafa Vilar, membro da Executiva Nacional e concelleiro en Santiago; Sandra González, membro da Executiva Nacional e alcaldesa de Tomiño; Iria Aboi, secretaria xeral; Carlos Aymerich, membro da Executiva Nacional e deputado no Parlamento galego e Ana Pontón, membro da Executiva Nacional e portavoz do grupo parlamentar.

http://youtu.be/z7RdTy96im0