A contratación da ex-conselleira Beatriz Mato pola empresa Greenalia é unha porta xiratoria de libro
Luís Bará afirma que a fichaxe de Mato é a compensación polo trato de favor de Feixóo a Greealia nas plantas de biomasa e parques eólicos
Asegura que carece de ética, incorre en “incompatibilidade” e pon baixo sospeita a relación da Xunta coa empresaO deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará denuncia o “caso escandaloso de portas xiratorias do Partido popular de Feixóo” coa contratación da ex-conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato pola empresa Greenalia, unha das grandes empresas do “lobby enerxético e forestal galego”.
Para o deputado, a porta xiratoria do PP converteuse “nun portalón” cunha contratación comparable á fichaxe do ex-conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo ou a ex-ministra de Medio Ambiente, Isabel Tocino pola empresa ENCE.
Bará afirma que a contratación de Mato representa unha “compensación” polo trato de favor de Feixóo á empresa Greenalia” tras a modificación da normativa, no ano 2016 sobre o cambio de plantas de Biomasa co fin de legalizar a planta que Greenalia estaba a tramitar en Curtis, Teixeiro e que non era “legal” coa normativa vixente nese momento.
Ademais, o deputado do BNG lembrou que os informes favorábeis da consellería de Medio Ambiente para a tramitación da planta no mes de xaneiro de 2017 e xullo do mesmo ano, fixo posible a aprobación ambiental integrada acompañada do informe ambiental da fabrica de biomasa para produción eléctrica. Por outra parte, sumou tamén informes favorábeis da consellería de Medio Ambiente a parques eólicos promovidos pola mesma empresa e que nalgúns casos, afectan a “espazos protexidos” nos concellos de Santa Comba e Carballo. Por outra parte, foi fragmentada potencia para que a Xunta de Galiza tramite os parques xa que a partir de 50MW, explicou Bará a tramitación correspondería ao estado.
O nacionalista cuestionou o carácter ambiental das plantas de biomasa para a produción de enerxía como as de 50MW polo impacto no cambio climático, falta de “sustentabilidade” e necesidade de abastecemento de corta e podas “insuficiente para abastecer a planta” que implicaría a queima de grande cantidade de árbores de crecemento rápido e cultivos enerxéticos promovidos nos últimos anos e amparados por “medidas do goberno de Feixóo”.
O Partido popular lava en verde proxectos de grande impacto ambiental
O deputado criticou que a ex-conselleira de Medio Ambiente pase agora a dirixir a Fundación Greenalia e a representar a responsabilidade corporativa da empresa, “un lavado en verde” e claro exemplo da economía circular que pregoa o Partido popular e que non son máis que “operacións de cosmética para lavar en verde os proxectos con grandes impactos ambientais”.
Finalmente, Luís Bará asegurou que a operación de Beatriz Mato de pasar do Goberno ao concello e de aquí a empresa pode “incorrer en incompatibilidade”, pon baixo sospeita a relación da Xunta con esta empresa e non resulta un “comportamento ético”.