"Construír Galiza, con ilusión, Galiza contigo", lema para unha estratexia baseada no cara a cara e no protagonismo da candidata
Unha campaña baseada na proximidade e centrada en dar a coñecer as propostas para mellorar a vida dos galegos e das galegas, partindo da idea central de que derrotar á dereita non chega, porque é preciso abrir un tempo novo para construír unha Galiza mellor na que vivir e traballar con dignidade.
“A idea clave que centra todas as mensaxes: O BNG non se conforma con derrotar a Feijóo porque iso non chega para solucionar os problemas do país, queremos abrir un tempo novo para construír unha Galiza mellor da man de todos os galegos e as galegas. Construír Galiza contigo, nun tempo novo”, explicou a directora de campaña, Goretti Sanmartín.
Neste sentido, o lema Construír Galiza con ilusión, Galiza contigo, simboliza ese tempo novo que o Bloque pretende da man de todos e cada un dos galegos e das galegas, “porque somos a candidatura que confiamos no país”, salientou.
Dando continuidade á precampaña, o BNG realizará centos de actos por todo o país entre encontros sectoriais con axentes económicos, sociais e culturais, mitins e, moi especialmente, con actos de proximidade e contacto directo “para poder transmitir a nosas propostas de goberno sen filtros, cara a cara, falar mirándolle aos ollos as persoas ás que queremos pedir o seu apoio para o 25S”, explicaba o secretario de Comunicación, Rubén Cela.
Desde o convencemento de que o Bloque “gana nas distancias curtas”, a campaña ten previsto “encontros reducidos nun entorno informal, tomando un café ou unha caña, para dar conta das medidas e das propostas que temos para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, indicaba Cela, nunha formula que bautizou como “café para cinco”.
Quen é Ana?
A campaña tamén vai dar prioridade á utilización de material audiovisual nos medios de comunicación e nas redes sociais, con vídeos orixinais e personalizados na candidata á Presidencia na liña de anteriores campañas, “que mostren a faceta máis humana e persoal de Ana Pontón, con vídeos que conten quen é, que pensa e que sente a persoa que ten a coraxe a e a enerxía para tenderlle a man a cada duns galegos e das galegas para atraelos e construír un proxecto común”, salientou Sanmartín.
“Todo o material e todos os actos de campaña van incidir nesa mensaxe de abrir un tempo novo para construír unha Galiza mellor para vivir e traballar con dignidade, xerando emprego e blindando os servizos públicos porque somos a alternativa que confía no país”, concluíu a directora de campaña.