A constitución española non lle serve a Galiza: precisamos soberanía

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou esta mañá que “esta Constitución española non serve para resolver os problemas do noso país, porque a soberanía é a chave para a conquista da Galiza que soñamos e á que temos dereito”. Por iso subliñou que “hoxe non temos nada que celebrar e si moito que reivindicar”.

Guillerme interveu esta mañá nun acto do BNG en Santiago para reclamar soberanía para Galiza, un acto no que tamén participaron representantes e militantes do BNG.

Guillerme lembrou que “o nacionalismo galego non o apoiou a Constitución de 1978 porque tiña máis de continuísta que de rupturista e polos límites que impuña ao recoñecemento xurídico-político das nacións do Estado, e xa que logo da soberanía nacional”.

“A soberanía das nacións, a democracia e os dereitos das clases populares non atopan amparo nesta Constitución”

Neste sentido, afirmou que “hoxe, 34 anos despois, nada temos que celebrar e si moito que reivindicar: a soberanía, a democracia, os dereitos que non atopan abeiro nin protección nesta constitución”.

“Esta constitución -explicou-, máis aínda trala refundación neoliberal pactada hai pouco por PP e PSOE, é unha constitución que non nos serve, porque non serve para protexer as escasas conquistas en materia de autogoberno, é un atranco insalvábel para avanzarmos na soberanía nacional; non serve tampouco para protexer os dereitos elementais das clases populares e, en consecuencia, a democracia”.

Esta constitución está politicamente morta

Por iso, o portavoz nacional do BNG non dubidou en afirmar que “esta constitución está politicamente morta, por moito cántico abstracto que algúns lle sigan a adicar, especialmente os máis férreos defensores no españolismo unionista defensor do neoliberalismo”.

“A eses -denunciou-si que lles serve a constitución de paraugas protector parar cometer todo tipo de falcatruadas contra os dereitos das nacións e contra os dereitos das clases populares”.

Constitución ao servizo do españolismo unionista defensor do neolieralismo

Pola contra, Guillerme criticou que “non atopan protección nela desafiuzados, pensionistas ou estafados polas preferentes; non atopan abeiro nesta constitución os dereitos laborais , ao traballo digno, á sanidade ou ao ensino público, ou o dereito á vivenda. Menos aínda atopa amparo e protección nesta Constitución o idioma galego”.

Galiza ten dereito á soberanía nacional

Fronte a isto, Guillerme defendeu que “hoxe aquí diante da nosa inmortal Rosalía, o BNG reafirma que a soberanía nacional é a chave para avanzar na conquista da Galiza que soñamos e á que temos dereito: a Galiza laica e republicana, a Galiza da igualdade real para as mulleres; a Galiza medioambientalmente sostíbel; a Galiza culta dende a nosa propia cultura; a Galiza solidaria; a Galiza que fala, ama e estuda en galego con normalidade”.

“Non é posíbel estar contra a globalización e non estar a favor da soberanía das nacións”

Neste sentido, Guillerme lembrou que “como dicía Castelao sen soberanía nacional non hai solución aos problemas das clases populares galegas, tanto ou máis necesaria para Galiza como para Catalunya, Euskadi ou Quebec”.

Por iso, subliñou que “non é posíbel estar consecuentemente contra a globalización sen estar a prol da soberanía das nacións, non do Estado burgués, das nacións”.

Recoñeceu que “haberá quen diga que a soberanía non é a solución a todos os problemas do pobo galego, máis sen soberanía non hai solución para ningún dos nosos problemas como pobo”.

O portavoz nacional do BNG concluíu salientando que “soberanía e dereito a decidir é o moderno, é o vento da historia que sopra cara a liberdade das nacións, porque, como afirmaba Ramón Vilar Ponte sen liberdade da nazón os galegos e galegas tampouco seremos persoas libres”.

 

http://youtu.be/av-xHCXKTy8